-O teatro é unha arma ideolóxica?

-É algo máis que arma ideolóxica. O teatro é un diálogo social entre a máscara que representa as actitudes e comportamentos da xente -as personaxes- e o público que asiste á representación. Ten algo de arma pero tamén de diccionario, de diálogo, de coñecemento, de libro, de pracer, de diversión.

-Que pretendeu con Flores de Dunsiname?

-¡Uff! Pretensións poden ser moitas e non sei se son consciente de todas. O que quixen foi facer unha interpretación do que é a vida e morte dos tiranos. O tirano Macbeth e Lady Macbeth mataron para reinar e seguiron matando para manterse no poder. A súa vida foi tan intensa que pensei que podía falar de despois da súa morte, de cando son pantasmas, espíritos, e Macbeth e Banquo aparecen de novo para acabar a súa historia. Non teñen a mente tranquila para poder descansar e aínda andan rondando para que alguén lles confirme a súa propia biografía.

-Algo que ver coa realidade política de hoxe?

-Coa máis inmediata, posiblemente, non, pero é un punto de vista do que pasa na conciencia dos tiranos e hai moitos políticos que son tiranos ou que quixeran selo.

-Sempre acode aos clásicos.

-Non, esa é a fama que teño, pero non é así.

-Dende a traxedia grega até Shakespeare.

-Coñezo ben a traxedia grega e a Shakespeare, agora iso non quere dicir que sempre acuda aos clásicos. Recurro aos clásicos algunhas veces pero a maioría das miñas obras publicadas ou estreadas non teñen que ver cos clásicos. Pero si que recurro moito aos clásicos para aprender, porque son un exemplo vivo de como se propoñían as cousas. Cambian os escenarios e certas condicións, pero os dramas e os temas seguen a ser os mesmos.

-Reinterpreta a Shakespeare como Cunqueiro fixera con O incierto señor don Hamlet?

-Hai moitos anos non se lle dera un premio a esta obra (Flores de Dunsinane) porque un dos membros do xurado dixo que isto xa o fixera Cunqueiro. Cunqueiro fixo un Don Hamlet que é unha obra mestra, pero el tratou a figura de Hamlet e eu trato as pantasmas dos Macbeth, algo que non ten nada que ver, unicamente que as dous proceden de Shakespeare.

-Como ve a situación actual do teatro galego?

-Non é todo o satisfactoria que quixeramos as persoas que facemos teatro. Aínda non hai unha soa sala pública que teña unha programación constante de teatro. Hai salas alternativas, que é moi importante, pero non hai un teatro nacional e as salas públicas que dependen de organismos políticos programan unha obriña de cada vez, non hai programación continua que permita que unha obra poida estar o sifuciente tempo en escena para que o público a poida ver. Agora fanse as cousas como nun mercadillo: móstrase unha peza e, se non vale, pasa a iso que se chama oulet ou lévase a unha feira e convértese en mercadoría. Para min, esa é unha mala situación do teatro, pero non coñezo ningún momento no que o teato estivese ben, porque por unha parte depende do diñeiro público, e pode ser unha trampa, e por outra, aos poderes públicos non lles interesa que o teatro esté onde teña que estar porque é crítico e pode ser molesto. Mentres sexa un adorno, moi ben, pero cando é independente resulta molesto, por iso os poderes sempre queren dominalo, telo controlado.

-Non lle gusta a programación do Centro Dramático Galego (CDG)?

-Agora non existe, creo que non ten dirección nin nada. Actualmente, está descabezado, que eu saiba, e non habendo dirección non sei de onde se van sacar as directrices para que esa compañía institucional vaia para diante.

-É partidario de que se represente a Valle-Inclán sen traducir ao galego?

-Son partidario fervente de que se represente a calquer autor mellor na lingua orixinal que noutra traducida. Agora, que o faga o CDG, que tentou por influencia dos políticos facer Valle-Inclán en galego, non me parece ben porque o CDG está para promocionar o teatro galego. Que calquera outra compañía quera facelo, estupendo, pero non o CDG.

-Teatro galego é o que está escrito en lingua galega?

-Evidentemente, se non non acabariamos nunca. Unha vez, recordo que esta pregunta saía hai anos nunha mesa redonda e Ferrín dixo: 'San Agustín que é un autor latino ou un actor africano?'. Como persoa, se naceu en África será africano, pero el escrbiu en latín, polo tanto corresponde á literatura latina. A literatura é da lingua en que está escrita. Beckett é irlandés pero ten obras escritas en francés, como A espera de Godot, que pertencen á literatura francesa, e outras que están en inglés pertencen á literatura inglesa, ou irlandesa, segundo se quera considerar.

-Foi á manifestación do domingo en Santiago a prol do galego?

-Evidentemente, e en primeira fila. Sempre estou por que se respeten os dereitos humanos fundamentais, e entre os máis fortes están o dereito á vida e o dereito de cada un á lingua do seu país, sin desprezo de ninghuna outra.

-A que se refire cando fala do dereito á vida?

-O dereito a vivir, que non te maten unha vez que tes nacido. Cando me deron o premio Cunqueiro dixen que era decididamente antiabortista na cuestión da lingua. Non quero, nin permito, que ninguén tente abortar a miña lingua, a lingua en que me criei, a lingua en que nacín, a lingua dos meus antepasados e a lingua dos meus fillos e da miña neta. Non só non o soporto senón que non sería digno de vivir nun mundo en que esa lingua non se falase por descuido meu ou porque eu non fixese o necesario. A lingua é un dereito fundamental que non se pode reprimir.