Director de '55 mentiras sobre a lingua galega'

Xosé H. Costas: ´Moitos galegos quererían ser madrileños´

"É falaz invocar o bilingüismo para non querer falar unha das linguas oficiais e querer elixir para non ter contacto co galego porque mancha"

 08:22  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto
Xosé-Henrique Costas.
Xosé-Henrique Costas.  Cameselle

A plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega ProLingua presentará o 5 de febreiro, simultanemente, en decenas de lugares do mundo, o libro ´55 mentiras sobre a lingua galega´, un estudio coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Xosé-Henrique Costas co que os seus autores pretenden axudar a superar prexuízos e interpretacións subxectivas sobre o idioma de Galicia

ISABEL BUGALLAL | A CORUÑA -Por que presentan o libro en 55 sitios distintos a un tempo?

-Xa son máis de 70. Chámanos xente que se ofrece para presentar o libro, tanta que imos pechar a lista.Tiñamos o problema de ver onde o presentabamos, si na Coruña ou Vigo, onde estaba o ollo do furacán, queriamos combater a mentira alá onde a mentira se orixinara; despois pensamos nas sete cidades galegas e a alguén se lle ocorreu que por que non o faciamos en vinte localidades, pero hai xente de Prolingua por ahí fóra que dixo 'sería bonito facelo tamén aquí', e xa temos o sitio e a xente que o presentará mesmo en Madrid, Barcelona, Vitoria, Tubinga, Lisboa, Nova York, París, Londres, Copenague, Nablús... Para nós é unha alegría inmensa esta marea de fartura, porque a xente xa está farta de tanta mentira.

-Cal é a utilidade do libro?

-O libro nace simplemente para desmontar todas as falsedades que se foron vertendo sobre a lingua nos últimos tempos. Hai pouco nun programa na TVG sobre o famoso decreto unha profesora de Dereito saltou outra vez con ese bulo urbano de tres ao caldeiro (tres elevado ao cubo). Que me digan en que colexio, en que aula, que profesor, cando e onde, porque é falso. Son esas mentiras... Cando non poden criminalizar o galego ou recluilo tratan de ridiculizalo, é a estratexia do negacionismo. 'Iimos ridiculizar o galego, paletos: leiras magnéticas, tres ao caldeiro'... É mentira a imposición do galego, é mentira que o castelán corra calquera risco...

-Son mentiras con ideoloxía?

-Totalmente. É mentira tamén que non houbera conflito lingüístico até agora. Non, até agora houbo un conflito lingüístico enorme, o que pasa é que os galegofalantes teñen unha paciencia de boi secular. Había uns decretos para o ensino que non se estaban cumprindo e no momento en que unha administración decide que se cumpran, entón é cando se fala de imposición. En Vigo, só o 25% dos centros educativos cumprían o decreto do galego en 2008.

-O decreto, nun principio, foi acordado por todos os partidos.

-Foi consensuado por todos, mesmo polo PP, que despois se desmarcou, e é unha derivación lóxica do Plan de Normalización, que foi feito con Fraga de presidente e Feijóo de vicepresidente. Non ocurrera nada anormal até que non sei quen chamou a rebato desde Madrid e aquí puxéronse firmes e empezaron coas mentiras e difundíronse unha serie de historias para non durmir que aquí non as cre ninguén pero en Madrid, si. Teño amigos da alma en Madrid que dicían: 'como vos estades pasando en Galicia'. Como? 'Familias enteiras teñen que abandonar Galicia presionadas polo galego', dicía ABC. Vaia por Deus, home! Se nós non podemos facer vida normal en galego, si en Vigo, de 630 misas, só dúas son en galego. Si eu quero firmar unha hipoteca en galego cústame un mes e si a fago en castelán, un día. Calquera xestión en galego é un problema. Teño moi difícil vivir en galego, moi difícil, e unha persona que viva en castelán, non. Pero os que queremos vivir en galego, sobre todo nas urbes, estamos marcados: ou somos paletos ou somos do Bloque. Xa está ben, estamos fartos!

-Os prexuízos máis comúns?

-Que o galego non é útil, que non vale para nada, que está ben para falar na casa pero non para dar clase de Física ou para saír fóra de Galicia... Aquí, en Vigo, hai moita xente -médicos, enfermeiras...- que traballa en Portugal. Por que? Porque levan xa o idioma aprendido, e non collen salmantinos ou extremeños. En Petrobras, en Brasil, hai moitos enxeñeiros galegos. Iso de que non vale para nada... 'É que non é internacional'. Tampouco é o español: deixémonos de historias, a lingua científica e técnica é o inglés. Un holandés ten que renunciar á súa lingua, ou un danés, porque só a falan catro millóns de personas?

-Por que o desprezo ao galego?

-En 1960, só o 13% da sociedade galega falaba sempre en castelán. Con Franco esténdese o ensino obrigatorio e esténdense en español, como se extende o aparato administrativo do Estado. Iso foi decisivo para a produción de prexuízos, e ao mesmo tempo prodúcese un éxodo do campo ás cidades, sobre todo a Vigo e á Coruña, onde había unhas burguesías foráneas asimiladas. Era moi pouca xente, pero era a xente de prestixio. Hoxe hai xente que na Coruña ou Vigo fala castelán e na aldea o fai en galego; na cidade, non, por si o tildan de aldeán. Estes prexuízos, que tiñan que estar erradicados despois de trinta anos de Autonomía, aínda funcionan. Fallou algo.

-Que foi o que fallou?

-Que houbo unha política lingüística de baixa intensidade, que os decretos non se aplicaron no ensino, nin nos medios de comunicación, a pesar das subvencións. É máis, a presenza do galego nos medios de comunicación decreceu desde os primeiros anos da Autonomía. A imaxe do galego que se deu nos medios de comunicación autonómicos era folclorizante e asociada á senectude, non houbo unha politíca lingüística para captar novos falantes.

-No libro falan do síndrome Michael Jackson.

-Claro, facemos todo o posible por deixar de ser galegos porque asociamos ser galegos a unha serie de connotacións negativas. Michael Jackson, por máis que quería, non podía deixar de ser negro, e a moita xente, por máis que quere, o acento galego nótaselle sempre. É un complexo, moita xente querería ser madrileña, directamente.

-Bilingüismo, outra falaicia?

-O bilingüisimo só pertenece aos que falamos en galego habitualmente. A xente que fai canto do bilingüísmo utilízao de tapadeira. Os auténticos bilingües -ou trilingües, porque quen fala dous fala tres ou máis linguas- somos nós. O que é falacia é invocar o bilingüismo para non querer falar unha das linguas oficiais, querer ter a liberdade de elixir para non ter contacto co galego porque o galego mancha.

COMPARTIR
 
widgets laopinioncoruna.es
iGOOGLE
Personaliza tu página de
         inicio de Google con las
         últimas noticias 
WWW
Llévate las noticias de
         laopinioncoruna.es a tu
         web
LAOPINIONCORUNA.ES EN LA RED
FACEBOOK
Hazte fan en Facebook
YOUTUBE
Últimos videos
en Youtube
TWITTER
Sigue toda la información de A Coruña y área metropolitana en Twitter
Loterías y apuestas  
Loterías y apuestas
Consulta los resultados de los principales sorteos de la lotería y la quiniela.
   CONÓZCANOS:   CONTACTO  |  LA OPINIÓN A CORUÑA  |  LOCALIZACIÓN       PUBLICIDAD:   TARIFAS WEB  |  TARIFAS PAPEL  |  CONTRATAR   
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009