A Librería Couceiro da praza do Libro vive unha fin de ciclo. Pioneira en toda Galicia na venda en exclusiva de literatura en galego, botou a andar hai hoxe 32 anos da man de Pepe Díaz e Carmen Couceiro. Agora os seus donos, coa xubilación á volta de esquina, andan na procura dun comprador interesado en manter aberto ao público o histórico negocio. Ou iso, ou o peche.

"Estaremos aquí dous ou tres meses máis. Se non atopamos a ninguén interesado, pecharemos", recoñece Pepe Díaz. O libreiro aclara que a decisión non ten que ver tanto coa caída das vendas -"que tamén se notou"-, como coa fin dun proxecto vital que xa estaba algo asumida. "Isto non foi porque a cousa fose mal. Tralo inicio da crise caeron as vendas, pero nós sempre pensamos que cando chegase o día de retirarse marcharíamos. Nunca tivemos intención de estar aquí toda a vida", asegura.

Polo momento, Pepe Díaz e Carmen Couceiro recoñecen que "houbo algún contacto" con interesados, pero que nada está pechado. "Seis ou oito meses máis non os temos previsto pasar", recalca.

Ao longo destes anos, os seus estantes foron un auténtico maná para os lectores da lingua de Rosalía, e tamén para os interesados nas obras da fala irmá do galego, o portugués. Un periodo no que Pepe Díaz e Carmen Couceiro percorreron centos de feiras do libro, algunhas alén das fronteiras do país. "Fixemos un traballo moi importante ao longo de todos estes anos e sería unha pena que non houbera quen o continuase, tendo en conta que xa temos unha clientela máis ou menos feita", explica o libreiro.

No escaparate da tenda, os libros de Manuel Rivas ou Hiromi Kawakami comparten espazo co cartel de Véndese. Malia todo, este fin de ciclo na librería tamén é unha oportunidade para o afeccionado á lectura. Todos os libros están á venda cuns descontos de entre o 30% e o 40%, agás as últimas novidades, que se venden un 10% máis baratas.

A familia de libreiros Couceiro, conta con locais distribuidos por todo o país, se ben cada un deles traballa dun xeito máis ou menos independente. Agora, falta só agardar a que algún comprador se interese por tomar as rendas do histórico negocio da Praza do Libro, que fixo do galego a súa bandeira en tempos nos que, se cadra, o máis doado fose arriala.