O bailarín Aniruddhan Vasudevan imparte desde o xoves un obradoiro de danza no Centro Coreográfico Galego. Visita a cidade da man da organización Implicadas no Desenvolvemento, que difunde non só o seu labor artístico senón tamén o seu activismo a prol dos dereitos de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. Mañá, ás 20.00 horas, no centro sociocultural Ágora, o "artivista", como lles chaman as escritoras Yolanda Castaño e María Reimóndez, metade artista, metade activista, protagonizará un espectáculo de baile Bharatanatyam no que participarán tamén os alumnos do curso.

-Como é este obradoiro de danza Bharatanatyam?

-Estou moi emocionado por facelo e acábanme de dicir que hai moitas persoas apuntadas. Non sabía que coñecementos teñen sobre danza, así que o primeiro día fixemos uns exercicios para ver o nivel. É moi interesante para traballar, porque esta danza ten un ritmo diferente e utiliza moito a xestualidade das mans e fíxase no xeito no que movemos o resto do corpo. Así que todos os días faremos algo de ritmo, de xestos e de combinacións até que lles ensine una secuencia, para que o domingo, antes da miña actuación, os alumnos poidan bailar durante cinco ou seis minutos.

-Como combina esta actividade artística co seu activismo a prol dos dereitos da comunidade LGTBI na India?

-Ultimamente síntome un pouco incómodo coa etiqueta de activista, porque vivo nos Estados Unidos e non na India. Si que fun un activista e fixen cousas na miña cidade coa comunidade LGTBI, pero agora estou vivindo en América, porque estou a facer a miña tese, así que non me quero autoproclamar como activista, aínda que o fun durante moito tempo.

-E que facía?

-Traballaba coa comunidade LGTBI e tamén cos meus amigos, ofrecendo asesoramento. Nós non temos axuda médica, nin profesionais que poidan entender os problemas das persoas LGTBI, así que fixemos moito traballo con doutores e con persoal sanitario. Creamos tamén un programa de axuda legal, persoas que traballaban sen cobrar ou a prezos baixos para axudar. Na India tamén temos unha lei desde 2001 que é antisodomía, que adoita apuntar a persoas que non son heterosexuais. O que facemos desde entón é falar cos medios de comunicación, tanto os ingleses como indios, de por que é importante deixar de criminalizar a sexualidade. O meu traballo non é individual, sempre traballamos en grupos, así que o recoñecemento debe ser compartido.

-Se xa é complicado ser membro da comunidade LGTBI nun país europeo, éo moito máis nun país coma a India no que hai este tipo de leis?

-Nós confiamos en que esta lei sexa retirada, pero en decembro de 2013, o Alto Tibunal indio dixo que a lei quedaba como estaba. Esta lei é só una parte do problema, non é o conxunto. O problema é que se permite á policía que abuse da lei e que amedrente á xente. Non te poden arrestar porque esteas cunha persoa do teu mesmo sexo, pero si que te poden ameazar. Pódenche dicir, por exemplo, que van ir ao teu traballo dicirlles que es gay, e iso crea moitos problemas. Métenche medo.

-Pero na India hai unha lei que ampara ás persoas que mudan de sexo, como se vive esta contradición?

-O ano pasado, a Corte Suprema da India avalou a ampliación dos dereitos das persoas transxénero. Isto só lles parece una contradición ás persoas que non son indias, porque temos moita tradición de cambios de xénero de home a muller. Está en todas partes, na historia, na mitoloxía, na literatura. Até teñen as súas propias comunidades nas que practican as súas relación e rituais. Se teñen tanto espazo gañando a día de hoxe é porque non se esconderon, fixéronse visibles, non se avergoñaron. Agora a xente empeza xa a falar dos cambios de muller a home. É unha batalla que leva moito tempo, é anterior incluso a que a xente se empezase a recoñecer como gai, lesbiana ou bisexual.

-Está considerada a homosexualidade como unha enfermidade mental na India?

-Aínda si. De feito, a semana pasada un psiquiatra dixo que daba electroshock aos seus pacientes para lles curar a homosexualidade. Hai de todo, hai doutores que o entenden, pero outros aínda prometen que poden curar ao teu fillo ou á túa filla. É interesante que cando un caso chegou á Corte Suprema da India, médicos, doutores, psiquiatras? fixeron un escrito no que dicían que, como profesionais, pensaban que non era unha enfermidade, así que iso tamén apoia a loita contra a criminalización. Todos os problemas de estrés e ansiedade que sofren os membros da comunidade LGTBI non son a causa deles senón das persoas que os arrodean e de como os miran. Agora a India é un lugar moi caótico. Un día pensas que está a pasar algo bo e, ao día seguinte, pasa algo terrible.

-Como cre que a arte pode axudar a cambiar as cousas?

-A sexualidade e o xénero está relacionado co corpo. A única maneira de non ser invisible é presentarte, a xente non pode renegar do corpo. Actuar é unha boa maneira de poñerte diante da xente e dicirlle: se es o suficientemente valente como para ver esta realidade, acéptaa, eu estou aquí, fronte a ti. É un acto de coraxe, pero tamén de vulnerabilidade, porque amosándote ao mundo faste vulnerable.