-Nestes cen primeiros días, que cousas fixo ben a Marea e que cuestións non lle gustaron tanto?

-Ben feitas están aquelas cuestións que se cumpriron. Mellorables son as que se anunciaron e non se cumpriron e mal o non apostar pola banca ética ou renunciar á remunicipalización da ORA. Desde o BNG o que queremos é que se tomen as cousas con determinación, que sexan atrevidos e que pasen á acción. Dixemos que iamos facer unha oposición construtiva para sermos garantes do cambio que a xente desexaba.

-Pero este Goberno, ao estar en minoría, precisa o apoio doutras forzas que non sempre atopa, incluso no BNG.

-Naquelas cuestións nas que estivemos de acordo votamos a favor e, cando estivemos en contra, non. No caso do primeiro modificativo que se levou a pleno, non o podiamos apoiar, supoñía rebaixas en emprego, en educación, ningunha novidade en Servizos Sociais, ningún programa propio de apoio contra a pobreza... Unha transferencia de 550.000 euros ao Consorcio de Turismo. Foi o único caso no que tivemos unha posición contraria e manifesta á Marea. Entendemos que precisa apoios, e o do BNG vai telos para levar a cabo as cuestións nas que coincidamos programaticamente, que non son poucas.

-A concelleira socialista Mar Barcón apunta a que a enmenda dos 30.000 euros que presentou o BNG ao segundo modificativo do orzamento responde a unha estratexia da Marea para introducir ese cambio, pero sen facelo directamente, é así?

-En ningún caso. Non entendo de onde saca iso. Os concelleiros que estamos nas comisións informativas temos a posibilidade de presentar votos particulares aos ditames das comisións. Neste caso, o ditame era favorable a ese modificativo de crédito. O BNG detecta que se rebaixan 30.000 euros en programas para igualdade e non pode apoiar un modificativo así; se o PSOE quería apoialo tiña a opción de facelo. Non é a primeira vez que o BNG presenta un voto particular a un ditame dunha comisión, Xosé Manuel Carril fíxoo en moitas ocasións e a ninguén se lle ocorreu dicir que o tiña pactado con ninguén. Non ten ningún sustento que se diga que negociamos co Goberno, de feito, a edil de Facenda, Eugenia Vieito, levou unha sorpresa.

-Por que cre que se fai esa diferenza entre Carril e vostede?

-Non sei se é unha cuestión persoal ou non. Constato o feito de que se teñen presentado máis votos particulares. Non creo que sexa contra min persoalmente pero si que penso que o PSOE peca de paternalista ao crer que eu, non sei se por ser muller ou por ser nova, non podo pensar por min mesma e que non podo utilizar esa ferramenta para situar o debate onde eu quería, que era sobre a necesidade de dotar con diñeiro os plans de igualdade.

-A fiabilidade do alcalde, como xustifica Barcón, veríase afectada por ter aprobado o modificativo con esa partida de 30.000 euros?

-Agora mesmo, o PSOE non é quen de explicar a súa actuación no pleno. Foi un absoluto esperpento. Votaron en contra dun modificativo que recollía as súas propostas e que foi negociado e pechado co Goberno. A única modificación que, sobre a marcha, acabou realizándose foi que se incluísen 30.000 euros para igualdade porque o PSOE se abstivo na votación. Se o chega a votar en contra do voto particular, xa estaba, non saía adiante e eles podían votar a favor do modificativo. O que fixeron foi cumprir coa chantaxe que xa anunciaran previamente.

-Que chantaxe?

-Que se o Goberno, por acción ou por omisión, permitía que saíse adiante o voto particular presentado polo BNG, eles votarían en contra do modificativo que, insisto, recolle todas as propostas do PSOE. Máis alá desa frase da palabra dada e da fiabilidade do Goberno aínda non foron quen de explicar o motivo do voto en contra cando se abstiveron nun modificativo que era bastante peor.

-Pensa que os grandes partidos están actuando como se estas novas candidaturas de unidade popular lles usurpasen o poder e atacan agora as actuacións duns gobernos que, no caso da Coruña, por exemplo, facilitou o PSOE?

-O PSOE non ten fácil explicación do que está a facer no caso da Coruña. Se facilitou o Goberno da Marea Atlántica será porque entendía, en teoría, o mandato que a xente dera de que houbese un cambio na cidade e que tornase a esquerda. O que aconteceu despois, nomeadamente no último pleno, non parece ir nesa liña. O PP ten a postura lóxica, de ser a oposición máis enfrontada.

-Moitos dos puntos do programa electoral da Marea coinciden con temas que xa defendera o BNG na oposición, irán da man nestes temas ou esixirán máis?

-Nós imos tentar cumprir co programa.

-Co do BNG?

-Si, claro. Naquilo que coincidan os dous programas, apoiarémolo. Se vemos que hai algunha deixadez do Goberno, tamén o imos poñer de manifesto e se estamos en contra tamén o imos dicir. É a nosa obriga como oposición, pero non imos dicir que non porque non, nin si porque si a ningunha cuestión que veña do Goberno.

-Aínda que iso ás veces dea en situacións nas que o BNG vota o mesmo que o PP?

-Iso pasou no primeiro modificativo de crédito. É pueril determinar o teu voto en función de se coincide ou non co doutra organización política. Non ten sentido. O que ten sentido é mirar as propostas, o contido do que se leva a pleno e ver se vai acorde ou non co programa co que un se presentou ás eleccións.

-Como van ser estes catro anos de lexislatura, tendo en conta que o BNG só ten unha concelleira na Corporación municipal?

-É máis complicado ter unha concelleira só no momento máis determinante, que é o do pleno. Estar aí soa, ten as súas dificultades e de ti dependen as intervencións, o momento no que levantas o brazo, pero as posicións son as do BNG e aí si que non estou soa. Conto co apoio, asesoramento e axuda do anterior grupo municipal. É o patrimonio que temos, ademais do traballo que levamos facendo estes catro anos e que contribuíu a que o 24 de maio houbese un cambio na cidade.

-Recolleron outros o froito do traballo do BNG?

-O que fixo o BNG non o fixo só, contou coa colaboración de movementos sociais e con outra moita xente. A nós o que nos importa realmente, non son tanto os votos ou o froito en número de votos que ten ese traballo senón que se solucionen os problemas que puxemos enriba da mesa. Eu o que quero é que os veciños de Elviña que están afectados polo desenvolvemento do parque ofimático descansen tranquilos e que o plan se modifique e as súas vivendas non se derruben. Nós estaremos moi satisfeitos do traballo, aínda que a posibilidade de facelo realidade a teñan outras forzas.

-Como foron as negociacións para formar as comisións e os órganos colexiados? Que foi o que primou nestas conversas?

-Nós sentímonos decepcionados ao comezo das negociacións multilaterais, porque xa houbera outras anteriores co PP e co PSOE. Achegóusenos un documento que xa fora debatido incluso co PP no que figuraban cuestións políticas nas que non estabamos de acordo. Esas reunións eran complicadas e creo que as negociacións se bloquearon por cuestións económicas non políticas nin de participación. Ao final solucionouse da mellor maneira posible para sacar adiante un acordo que ten que cumprirse e agardamos que se fagan. Desas reunións e do pleno de organización tiña que terse aprendido e non parece que fose así porque co primeiro modificativo volveuse levar un texto de parte, no canto de falado.

-Sentiron que se lles facía de menos algunha vez ao ser a forza minoritaria no pleno?

-Ao comezo das negociacións, si. Este modificativo, por exemplo, tíñase pechado co PSOE en primeiro termo, pero non temos problema con iso. Non temos complexo de inferioridade.

-Visto como foron estas negociacións, como se presentan as de configuración dos orzamentos?

-Cremos que teñen que ser falados entre todos desde un inicio ou, cando menos, coas forzas que facilitaron a investidura. O que temos claro é que apoiaremos uns orzamentos que aposten polo emprego, polo dereito á vivenda, polos servizos públicos e polos programas propios de servizos sociais, a igualdade e o investimento nos barrios de maneira igalitaria.

-Uns orzamentos como os que faría o BNG?

-Eu creo que niso debería de haber coincidencia, polo menos, tendo en conta as prioridades que anunciou a Marea en campaña. Debería ser as prioridades en calquera forza progresista.