Á unha do mediodía do día 1 de outubro de 1890 inaugurouse na praza de Pontevedra a nova sede do centro de ensino secundario da Coruña. O Instituto Eusebio da Guarda sucedeu ao antigo Instituto, que iniciara o seu labor docente no curso 1864-65 no que fora o pazo dos marqueses de Camarasa, na rúa Herrerías.

Polo tanto este ano, a próxima semana, o centro educativo cumpre 125 anos, celebración á que nos queremos sumar con este episodio dedicado ao seu importante Observatorio meteorolóxico. Unha instalación que hoxe podemos ver parcialmente, se nos situamos fronte á fachada do edificio, a certa distancia, e nos fixamos no quiosco de zinc que sobresae detrás de dous elementos, o reloxo coa campá e unha segunda campá.

Visita ao vello Observatorio

Ás 10.30 do pasado 3 de setembro cheguei ao Instituto Eusebio da Guarda para realizar unha nova visita ao antigo Observatorio meteorolóxico. Subín ao segundo andar e mentres camiñaba por eses corredores con chan de madeira, teitos altos e arcos de pedra, a imaxinación levábame a viaxar no tempo, ao denso pasado do Instituto. Abrín a porta que da a unha esqueira de acceso á sala que hoxe é utilizada como aula de PT (Pedagoxía terapéutica) e que no seu tempo foi o gabinete, a oficina do Observatorio, un espazo no que salienta a fermosa "escalera de caracol" de madeira que leva cara o exterior.

O bonito quiosco octogonal, que remata nun pico situado a máis de tres metros de altura, está situado nunha azotea que o rodea, limitada por unha balaustrada de pedra con columnas nos ángulos; alí se situaban diversos instrumentos de medición que achegaban os datos de temperatura, presión, ventos, humidade e precipitacións analizados no gabinete do piso inferior. O conxunto do gabinete e azotea forman un prisma de base rectangular, un auténtico "prisma do tempo atmosférico", pois nel estivo instalado durante décadas unha estación meteorolóxica que por case 25 anos foi a única da cidade.

A predición metereolóxica

Robert Fitz-Roy (1805-1865) é coñecido por ser o capitán do Beagle, o buque no que Charles Darwin realizou a viaxe arredor do mundo, mais este mariño inglés tamén ocupa un lugar na historia porque foi o inventor do prognóstico metereolóxico, a predición do tempo que hoxe nos resulta tan familiar. Asemade convenceu a los editores del diario londiniense The Times para que incluirán por vez primeira nun xornal, en agosto de 1861, os partes meteorolóxicos.

Hoxe en Galicia actúan dous organismos oficiais de meteoroloxía, a Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) e MeteoGalicia. A Aemet, a autoridade meteorolóxica do Estado, ten a delegación territorial de Galicia en A Coruña (na Cidade Xardín). MeteoGalicia, localizada en Santiago, depende da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

A Aemet na Coruña do observatorio localizado na rúa Canceliña e doutro no aeroporto de Alvedro. Francisco Infante, responsable da delegación, indicounos que na recollida de datos, chuvia e temperatura, tamén contan coa colaboración de particulares, unha estación na Zapateira e outra en Santa Cruz. Meteogalicia posúe unha estación na cidade, situada entre a Torre de Hércules e a Casa dos Peixes. Asemade, tanto a Aemet como MeteoGalicia teñen acceso aos datos de estacións doutros organismos, a de Bens (do Concello), e as situadas entre o dique de abrigo e o porto e a de punta Langosteira (de Puertos del Estado do Ministerio de Fomento).

As predicións son elaboradas en base aos datos recollidos nas estacións e mediante o uso de modelos matemáticos. A ampla demanda social de información meteorolóxica é atendida polos medios de comunicación ou polo acceso directo ás páxinas web das axencias. Juan Taboada, de Meteogalicia, explicounos que tamén abondan as chamadas telefónicas con variadas consultas dos medios e de particulares, como as de comisións de festas, persoas preocupadas polo traballo agrícola, produtoras interesadas en filmar en exteriores...

O Observatorio meteorolóxico ata 1916

O instituto de ensino secundario local contou desde os seus primeiros pasos na rúa Herrerías cun Observatorio que dirixía o profesor Benito Sotelo Rivas (1796-1874). Un paso importante tivo lugar no curso 1877-78 pois foi cando as memorias anuais do Instituto empezaron a recoller os datos precisos as observacións meteorolóxicas realizadas (remitidas a Madrid, París e Londres), unha documentación de case 50 anos imprescindible para poder valorar con rigor a contribución do Observatorio do Instituto.

Sotelo cesou como director da instalación en 1871 e sucedeuno Acisclo Campano Alfageme (1838-1916), catedrático de Física e Química.Este profesor foi quen asumiu o traslado, no curso 1890-91, ao emprazamento da praza de Pontevedra, se ben ata o 11 de xullo de 1891 o novo Observatorio non estivo operativo.

En 1914 o Observatorio Central Meteorológico (unha das denominacións do Servicio Meteorológico Nacional, actual Aemet) estableceu un observatorio na cidade, que comezou a funcionar provisoriamente no pavillón da Sociedad de Oceanografía del Golfo de Gascuña con Manuel de Rojas como director. En 1928 comezaron as obras dunha nova instalación, inaugurada en 1930, a que segue a prestar o servizo na rúa Canceliña.

Cómpre subliñar que ata a creación en 1900 da estación meteorolóxica da Granxa Agrícola Experimental de Monelos e ata a instalación do observatorio na Sociedad de Oceanografía, 1914, o do Instituto foi o único da cidade, o que fornecía de toda a información meteorolóxica desta contorna (nalgún momento a única do Noroeste peninsular) a nivel español e internacional.

A etapa final

A morte de Acisclo Campano en abril de 1916 e creación do observatorio dependente do Observatorio Central Meteorológico abriu un novo período para o Observatorio do Instituto. Inicialmente, Manuel Rubial, axudante da nova estación localizada na Sociedad de Oceanografía, fíxose cargo del. Esa xestión debeu durar pouco tempo, e probablemente Rubial foi substituído polo coruñés Gonzalo Brañas Fernández (1866-1948) en 1917, cando este tomou posesión da cátedra de Física e Química do Instituto. Brañas realizou no observatorio do centro educativo experiencias relativas ao magnetismo terrestre e á la electricidade atmosférica.

Os datos sobre este período son escasos, mais parece que o labor continuaba, pois no curso 1923-24 o Concello coruñés pagou "obras de reparación" no Observatorio e na memoria anual do Instituto recóllense os datos meteorolóxicos ofrecidos pola estación correspondentes ao ano 1926. Coidamos que o remate da actividade debeu ter lugar no ano 1930 ou 1931, coincidindo coa instalación do observatorio dependente do "Observatorio Central Meteorológico" na Cidade Xardín. Así o indica a nota que acompaña ao"barógrafo de pesas" conservado no actual Instituto Salvador de Madariaga e que procede do Observatorio do Instituto.

Unha alfaia en busca de recoñecemento

Desde a azotea do vello Observatorio disfrutei dunhas magníficas vistas. En medio do vento, que tantas veces nos acompaña na península coruñesa, ollei unha perspectiva singular das praias de Riazor e do Orzán. Na soidade do momento e coa azotea, quiosco e gabinete baleiros ou sen o uso orixinal, imaxinei a ese "prisma do tempo atmosférico" cando era un espazo de traballo dos profesores Campano e Brañas e nos comunicaba co mundo.

Non voltará a ser un observatorio meteorolóxico, mais, afortunadamente, se conserva a estrutura básica da estación, un valioso patrimonio da historia do centro educativo e da cidade. Xenuina alfaia que demanda axeitada rehabilitación e uso museístico, para recoñecer o pasado e sentirnos orgullosos del.