Calou o ronco e os dedos xa non tapan máis os buraquiños no punteiro. Quedou o fol baleiro este domingo, logo do pasamento de Xosé López Bao, o derradeiro lutier de gaitas da Coruña. Chegou á cidade desde a parroquia ordense de Ardemil para traballar na fábrica de armas. Conta Moncho do Orzán, de Cántigas da Terra, que xa por aquel entón facía gaitas, labrando a madeira coa navalla. A primeira saíralle das mans no ano 39. Xa instalado na Coruña e cun torno mecánico, López Bao empezou a atender encargos, a facer instrumentos para grupos como Os Labregos, Brisas da Coruña e mesmo Cántigas. Dándolle forma ao buxo, López Bao foi mellorando a técnica adquirida cos seus anos de gaiteiro e de artesán e colleu sona pola calidade dunha nota en concreto, tanta, que durante gran parte da súa vida foi coñecido co alcume de Rei do Si bemol. Segundo lembra Moncho do Orzán, López Bao fixo tamén "percusión de grande calidade", aínda que quixo deixar esta parte do obradoiro para un seu discípulo, Xosé Torres, para se centrar el "no mundo do fol".

A vida tornoulle a López Bao aos 85 anos, cando levaba xa máis de medio século de buxos tallados nas mans. A súa casa, no lugar de Xuxán, foi expropiada para o desenvolvemento do parque ofimático, un proxecto que, da súa esencia, non conserva máis que o nome. O Rei do Si bemol volveu a Ardemil e continuou facendo gaitas, aínda que a un ritmo máis paseniño. López Bao recibiu, en vida, homenaxes de Os Revirados de Oza e de Cántigas da Terra, agrupacións que tiveron a ocasión de tocar cos seus punteiros e que manteñen agora nos dedos a obriga de non desafinar nunca un Si bemol.