O colectivo Proxecto Cárcere celebrou onte os seus cinco anos de historia reivindicando a recuperación da antiga prisión provincial da Torre. Fixérono aos pés da cadea, ese vasto edificio que hai case un século se convertiu no símbolo por excelencia da represión na cidade. O portavoz da iniciativa, Xosé Lado, analiza nesta entrevista a nova etapa aberta co cambio de Goberno municipal e reflexiona sobre a política cultural que debera promoverse na cidade.

-Proxecto Cárcere cumpre un ano máis. Que lectura fai do traballo feito neste 2015?

-Foi un ano de continuidade no que estivemos supeditados á imposibilidade de poder entrar e de ter que facer o traballo de concienciación desde fóra. Tamén procuramos afondar na análise doutros modelos que a nós nos gustan e que poderían ser aplicables a un espazo coma este. O fundamental sería poder entrar pero polo de agora só podemos ter actividade na contorna do edificio.

-Que lle parece o feito até agora polo novo Goberno local para recuperar a cadea?

-Nós entendemos que co cambio de Goberno se nos abriu unha porta xa que, despois de catro anos do PP, chegou un equipo de xente coa que tiveramos contacto antes das eleccións e coa que compartimos a filosofía de promover unha participación distinta, máis directa. O que acontece é que hai moita xente do colectivo que esperaba que nestes seis meses se dese algún paso máis. Polo momento, tivemos dúas reunións co Goberno e non sacamos nada en limpo. Entendemos que hai que esperar e que haberá cousas máis importantes pero tampouco queremos que isto quede durmido.

-Pensa que o cárcere non está na axenda do Concello?

-Nós o que pedimos é honestidade. Pódennos dicir tranquilamente, e o entenderíamos, que mentres o edificio non volva a mans municipais eles non se pode facer nada. Somos conscientes de que nun mes hai eleccións e que pode cambiar o seu interlocutor no Ministerio de Interior, que é o titular actualmente. Pero non nos dixeron nada. Non nos aclararon se a edificación superou ou non a Inspección Técnica do Edificio, que si que é competencia do Concello, nin cales son as súas estratexias de futuro.

-Houbo algunha novidade sobre o proceso xudicial para recuperar a prisión?

-Na última reunión que tivemos preguntámoslles pola situación xudicial e non o sabían. Como é posible? A xente de Proxecto Cárcere tamén se cabrea e pregúntase até cando haberá que agardar para que se comecen a dar pasos. A nós non nos doían prendas en recoñecer que a decisión do PP de anular o convenio de 2005 para recuperar o cárcere sen pagar era boa.

-Algúns concelleiros compatiron no pasado espazos en diferentes movementos con xente do Proxecto Cárcere. Pode influir iso á hora de que se lle esixa menos a este novo Concello?

-Hai xente que fai esa lectura pero nós, así como aviso a navegantes, do mesmo xeito non tivemos problema en reunirnos co Goberno local independentemente da súa cor, tampouco nos imos casar con ninguén agora. Nós debémonos á xente que desde hai moitos anos contribuiu a facer da cárcere un espazo aberto á cidadanía na que entre todos se poida decidir o que queremos que sexa.

-O Ministerio de Fomento prevé iniciar as reformas da Comandancia de Obras para facer un espazo cultural novo, o Cidea. Que lle parece?

-O Cidea -nome co que se coñece a un proxecto de factoría creativa relacionada coa ilustración e o deseño ideado polo anterior Goberno do PP- non sei se se vai desenvolver ou non. O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, tampouco o tiña claro e non tiña previsto facer nada. Porén, semella que Fomento xa ten destinados os cartos. Con isto creo que pasará o mesmo que acontecera co PP. Eles lamentábanse de que lles deixaran de herdanza un contedor cultural sen contido, como o Ágora, e agora son eles os que lle deixan esta herdanza á Marea.