Episodios da cultura científica

A viaxe invisible do científico Ragnar Hult por Galicia en 1899

O salientable xeógrafo finés realizou estudos pioneiros dos granitos e do glaciarismo

31.01.2016 | 03:07

O 15 de marzo de 1899 o naturalista Víctor López Seoane (Ferrol, 1832-A Coruña,1900) recibiu na súa residencia herculina a agardada visita do catedrático finés Ragnar Hult. O científico nórdico acudiu recomendado por un salientable ornitólogo sueco, Johan Axel Palmén, a quen o ferrolán coñecera no seu país cando realizou en 1878 unha longa viaxe por Europa. Procedía de Santiago, onde chegou a primeiros de marzo, despois de percorrer a provincia de Ourense en xaneiro e a de Pontevedra en febreiro. Permaneceu na Coruña ata o 6 de abril, data en que volveu a Ourense, saíndo de Galicia o 6 de maio. Neses meses despregou unha intensa e valiosa actividade, se ben os seus percorridos por estas terras e as valiosas achegas ficaron invisibles, ignorados durante case un século.

Un salientable botánico, ecólogo e xeógrafo

Hult naceu en Pohja (Finlandia) en 1857 e realizou estudos de Botánica na Universidade de Helsinki, materia da que foi profesor nesa institución. Os primeiros pasos na investigación estiveron centrados nos vexetais e sobre Fitoxeografía (distribución das plantas) trataría a súa tese de doutoramento (Estudo analítico das comunidades vexetais, 1881), que o converteu en iniciador no estudo da sucesión ecolóxica, os cambios que acontecen ao longo do tempo nun ecosistema. Posteriormente dirixiu a súa atención cara a Xeografía, e de feito foi o principal promotor do desenvolvemento desta materia como disciplina independente en Finlandia e traballou a prol da súa relación coas Ciencias Naturais.

As razóns da expedición

Unha das liñas de traballo que Hult desenvolveu foi o estudo do relevo do seu país (xeomorfoloxía). Coidaba que a forma do substrato rochoso finés, o granito, era o resultado dos efectos do clima de características tropicais que afectara no pasado a ese territorio e da alteración posterior por intensas glaciacións.

Para confirmar a hipótese quixo realizar un estudo comparado noutros países, sobre todo observar os efectos do clima tropical no granito en América Central. Para preparar esa viaxe, observar outros granitos e aprender o idioma, a fins do 1898 iniciou a visita á zona central da Península ibérica e dirixiuse despois a Galicia.

Investigando por terras galegas

O estudo que Hult realizou na primeira fase da visita deu lugar a un artigo técnico asinado o 13 de febreiro en Pontevedra: A alteración dos granitos en Galicia, un orixinal estudo que contén a primeira descrición feita en Galicia, e a terceira no mundo, dunha "cachola" ou "tafone", un dos principais tipos de cavidades xeradas nestas rochas polos factores ambientais. O texto ficou descoñecido ata 1992 e foi traducido ao inglés e ao galego en 1995 na revista Ingenium do Seminario de Estudos Galegos. Asemade, a visita de Hult á zona de Viana do Bolo no mes de maio permitiulle realizar a primeira descrición do glaciarismo (efecto erosivo dos glaciares) en Galicia.

Encontro entre dous científicos diferentes

Víctor López Seoane atendeu a Hult na súa estadía coruñesa; o finés hospedouse na céntrica Fonda Ferrocarrilana, preto do Obelisco, mais o naturalista galego levouno a pasar uns días ás súas posesións do pazo de Torres de Allo (Baio) e da Casa Grande de Cabanas. A relación foi frutífera para ambos os dous. Hult puxo ao día o herbario de Seoane e agasallouno cunha valiosa colección de vexetais (213 Briófitos e Liques), que fora confeccionando na súa visita. O naturalista galego facilitoulle exemplares da colección botánica e contactos con outros científicos do pais, como Baltasar Merino e o micrógrafo Ernesto Caballero.

No momento do encontro todo parecía indicar que os nosos personaxes tiñan un futuro persoal e científico ben diferente. Seoane era un home vello e enfermo que xa pasara polo seu mellor momento produtivo, mentres que Hult se atopaba nun período de grande actividade e con magníficas expectativas profesionais. Porén esa razoable previsión só se cumpriu parcialmente, Seoane morreu o 14 de xullo de 1900, mais Hult tivo que suspender a viaxe a América Central por unha inesperada enfermidade e falecería, con 42 anos, o 25 de setembro do 1899.

Comentarios e impresións dun viaxeiro atento

No diario que Hult escribiu sobre a visita e no artigo no que narra o camiñar polos montes ourensáns limítrofes con Zamora, entre notas sobre as súas observacións científicas, o finés incorporou numerosas notas sobre a realidade social, os hábitos políticos e a paisaxe como elemento estético e case integrante da propia natureza humana.

O tema da guerra de Cuba aparece en varias ocasións neses textos. Así, por exemplo, en Pontevedra recolleu un poema impreso, asinado en febreiro por El Tonto, titulado Los repatriados. O autor da a palabra aos soldados derrotados que volveron de Cuba e se queixaban do abandono sufrido: "Muchos se han enriquecido / con la sangre derramada / sin corazón ni conciencia / y sin nobleza en el alma / Hicieron comercio inícuo / de la española nación / e indefensa la entregaron / al puerco de Wasington (sic)", un texto que remataba así: "La culpa de tanto luto / sabe Dios quien la tendrá / pero el caso es que nosotros / la tenemos que pagar". Non nos debe sorprender esas referencias ao asunto cubano pois a guerra tivo bastante impacto na Galicia da época, pola grande emigración á illa de xente do país e pola incidencia da volta do exército derrotado. Dos 150.000 soldados feridos retornados, Galicia recibiu uns 41.000 (33.000 entraron polo porto da Coruña), moitos deles nun estado lamentable.

O finés tamén fixo comentarios sobre o sistema político español e criticou o caciquismo que observaba no funcionamento do modelo bipartidista da primeira Restauración borbónica. Mais o diario tamén recolle anacos de cancións populares do país (recollidas segundo el entendía): "Esta noite ei dir alá / Meniña non teñas medo / Ey lla dar o tarabelo / Alalalala?; Comeza por comezar / Comeza por comezar / Que o que primeiro comeza / Primeiro ha de acabar / Alalalala?; Cando salín do meu fogar / O corazao deixei alí / Cando volvín no na topei / Por eso choro doente si / Alalalala?; Choro un amor desventurado / Que unha muller a min xurou / Por esto teño o peito queimado / E pouco a pouco morrendo vou / Alalalala?"

O último dia de abril chegou Hult a Viana do Bolo, nunha contorna que cualificou de terra fermosísima, e contratou unha mula para transporte e dous "homes novos e garridos". O 1 de maio, ás seis da mañá, iniciou a excursión pola Serra Segundeira: "O dia era marabilloso. Oh! o ceo de Galicia, que calmante para os ollos é a súa cor azul clara! Oh!, o sol da Galicia, canta fortaleza teñen os teus raios, que as nubes non poden tapar!".

No terreo despregou unha intensa actividade: observou, escribiu notas, tomou medidas, recolleu mostras e fixo fotos. Ese rigoroso labor estaba acompañado de comentarios que amosan unha persoa feliz disfrutando do contacto coa natureza, nun camiñar no que non faltaban conversas cos seus acompañantes e, mesmo, cancións do seu país (Klara stjärna du som stralar, Tuoll on mun kultani, Molnets broder, etc), respondidas polo eco das montañas.

A comitiva parou no cumio da ascensión e ao gozo da extraordinaria vista sumouse o disfrute dun espléndido xantar e chanzas cos seus acompañantes: "Nunca pensaran que o cabrito e as troitas podían saber tan ben como aquí enriba. Si, dixen eu con aire moi serio, a ciencia descubriu que o apetito crece a unha grande altura sobre o nivel do mar". Pouco despois chegou a un lugar situado a 1384 metros de altura, preto de Ramilo, e realizou a observación pioneira: "O meu corazón latexaba de emoción ao observar este primeiro e impresionante descubrimento da época glacial en España".

As razóns dun descoñecemento

Diversos feitos favoreceron a viaxe de Ragnar Hult e as súas sobranceiras achegas non fosen coñecidos en Galicia durante case un século. Entre eles a publicación dos seus traballos en sueco e nunha revista finesa e a morte inmediata do autor e do seu principal contacto galego.

Alén desas circunstancias, coidamos que a invisibilidade da presenza do investigador finés garda estreita relación con outra cuestión. A base do funcionamento do sistema científico reside no labor de comunidades de profesionais que publican os seus resultados en revistas especializadas e manteñen unha interlocución permanente. Nos tempos en que Hult pasou por Galicia só contabamos, en Ciencias Naturais, coa actividade dun número moi escaso de especialistas, a maioría afeccionados, e mesmo a principal institución académica, a Universidade de Santiago, carecía (por uns meses) de catedrático titularde Historia Natural e a súa proxección investigadora era case nulanesa área. Nesas condicións a recepción dos descubrimentos de Hult resultaba imposible, ninguén estaba en condicións de "escoitar" (recoller, comprender e trasladar aos colegas) a mensaxe do desafortunado profesor finés.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine