Despois de moitas horas de traballo, os alumnos do CIFP Paseo das Pontes da Coruña participantes no proxecto de miniempresas do programa A Coruña Emprende 2 puideron amosar esta semana aos seus compañeiros e docentes do centro o resultado de tanto esforzo coa presentación esta semana das propostas do seu proxecto Dircomida. Os estudantes do ciclo de Direccción de Cociña turnaronse estes días para preparar os dóces e os bocadillos para vender no centro e tanto o pasado mércores como hoxe o traballo foi dobre ao contar tamén con pedidos de lasaña, polo asado, croquetas e empanada por encargo. O exceso de demanda sorprendeu aos integrantes de Dircomida, que no primeiro día tiveron que facer fronte a este contratempo e ademais da producción que tiñan en stock conxelada tiveron que seguir elaborando menús para abastecer aos clientes, como comenta Alicia Abal, unha das participantes no proxecto. O mesmo pasou coa lista de pedidos -destaca- que xa houbo que retirala ao pouco tempo de colgala para que tivesen marxe de preparar todas as comandas. A "coordinación" entre a veintena de participantes do 2º curso do módulo de Dirección de Cociña xunto con outros dous cursos subcontratados permitiu que o traballo realizado se puidese levar a práctica con éxito superando tódalas expectativas. A "implicación" foi "absoluta" por parte de todo o centro co deseño do marketing e o merchandising por parte de alumnas do módulo de Patronaxe e tres estudiantes de arte gráfica que se encargaron da decoración.

Hoxe remata unha semana coa que se pon o broche a horas de traballo pensando os pratos, os prezos, redactando contratos de traballo para esta empresa simulada, aínda que moi próxima á realidade, subcontratando a alumnos doutros cursos e a unha exalumna para o etiquetado e da declaración de alérxenos... Pero finalmente as contas cadran e descubriron que a súa empresa foi moi rendible e que co exceso de demanda nin sequera tiveron que promocionar Dircomida fóra do centro como tiñan previsto. Abal destaca que están moi "contentos" cos resultados e que o esforzo "mereceu a pena". Aclara que tódolos participantes sacaron algo de proveito e de cara o seu futuro laboral descubriron que abrir un negocio de restauración "non é só acondicionar un local, producir e vender" porque hai moitas máis disciplinas que hai que ter en conta.

O CIFP Paseo das Pontes foi un dos catro centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana seleccionados para formar parte do proxecto miniempresas de A Coruña Emprende 2, unha das novidades da segunda edición do programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro tamén traballan nesta iniciativa, que busca fomentar a creación de empresas simuladas nas aulas, o IES de Viós de Abegondo, o IES Universidade Laboral de Culleredo e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada. A Coruña Emprende 2 inclúe xornadas formativas, reunións con empresarios e visitas a empresas.