A Xunta oferta cursos de balde para que o alumnado prepare probas de idiomas

B. C.

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria para que os centros educativos soliciten organizar cursos dirixidos á preparación das probas de escolas oficiais de idiomas. Son os chamados cursos para a formación complementaria en linguas estranxeiras do alumnado (Cuale), que se imparten en inglés, francés. alemán e portugués. Neles poden participar estudantes de centros públicos integrados, institutos de Secundaria e centros integrados de FP. A actividade é totalmente gratuíta para as familias e é impartida por profesores do propio centro. Existen catro modalidades en cada unha das linguas, correspondentes aos niveis A1, A2, B1 e B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Os centros que desexen ofertar os cursos deberán facer a correspondente solicitude en liña completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede desde o Portal Educativo antes do 10 de xuño. A modalidade Cuale A1 vai dirixida aos estudantes que superasen todas as materias de 2º da ESO e que estean matriculados en 3º, mentres que Cuale A2 está destinada ao alumnado que superase todas as materias de 3º da ESO e estea matriculado en 4º curso, así como aos inscritos en ciclos de FP de grao medio. Cuale B1 é para alumnado de Bacharelato, de grao medio de FP e de grao superior. Cuale B2 está dispoñible para Bacharelato, ciclos de FP de grao superior de 2.000 horas e para quen teña o certificado del nivel intermedio das escolas oficiais de idiomas ou outros certificados do nivel B1.