A CORUÑA EMPRENDE

'A Coruña Emprende' aborda as claves do marketing 'online'

Alumnos do IES Universidade Laboral participan nunha xornada formativa do programa

08.03.2016 | 10:14
Alumnos do IES María Casares, onte, na charla de Alberto Álvarez sobre patentes e marcas.

Alumnos do IES Universidade Laboral de Culleredo participaron onte nunha xornada formativa da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e o diario LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación.

O coach David Veloso explicoulle hoxe aos asistentes un dos sistemas máis novedosos para que teñan en conta os futuros emprendedores á hora de chegar aos seus usuarios potenciais. Trátase do marketing online, que emprega internet para vender os produtos e servizos da empresa de forma complementaria ao programa de marketing da empresa. A principal seña de identidade deste novo sistema é que os usuarios poden falar da marca libremente e teñen o poder de opinar e mesmo consultar as opinións doutros consumidores en reseñas, comentarios e puntuacións. Este cambio obriga ás empresas a modificar as técnicas de comercialización centrando as súas estratexias en buscar o que demanda o usuario. Para Veloso, na actualidade é case unha "obriga" acompañar calquera proxecto de emprendemento dunha estratexia en internet.

Na sesión de onte, o experto amosou aos asistentes as distintas formas que teñen as empresas de estar na Rede en función do seu nivel de implicación, comentando exemplos de boas prácticas onde a combinación do servizo prestado ao cliente no offline co servizo prestado no online, produce "unha auténtica innovación na proposta de valor para os consumidores". Como os exemplos de maestría adoitan ser de grandes compañías con moitos recursos -alega- na sesión tamén abordou os casos de pequenas entidades que se fixeron un oco na comercialización en internet e describiu os pasos básicos para asentar as bases dunha estratexia online.

David Veloso pretende ensinarlle aos alumnos asistentes que tamén teñen unha oportunidade se atopan un micronicho para desenvolver comercialmente na Rede. A xornada formativa do coach incluirá ademais técnicas para validar as oportunidades comerciais que se poderían desenvolver en internet e recomendacións de boas prácticas para a relación cos clientes e sobre o uso das redes sociais co obxectivo de completar a estratexia en internet dun negocio.

Alumnos e docentes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional de 15 centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana que participan nesta segunda edición de A Coruña Emprende teñen neste curso a oportunidade de participar en xornadas informativas como as de onte sobre temas como neste caso o marketing online.

Todas estas actividades constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes perciban mellor o que se lles pretende transmitir coa sesión.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine