-Que lectura fai da sentenza da Audiencia Nacional?

-A nós gustaríanos que fose en sentido contrario e que se recoñecese o dereito de reversión da vella prisión a favor do Concello. A sentenza é dura e de aí só se pode concluír que ou ben o Consello Consultivo, que avalaba a postura municipal, fixo as cousas moi mal, ou ben é a Audiencia Nacional a que está errando, porque son posturas moi opostas.

-O Concello di que abrirá dúas vías: recurrir ao Supremo e tentar unha negociación coa Sociedad de Instituciones y Equipamientos Penitenciarios (SIEP). É suficiente?

-Creo que non hai máis alternativas. Ogallá o Tribunal Supremo dea a razón ao Concello pero a súa resolución tardará un ou dous anos, un tempo no que a cadea continuará deteriorándose. É unha boa nova que despois destes anos se abra unha vía de diálogo co SIEP. Segundo nos informan desde o Concello, hai vontade de establecer un convenio para reabrila. Gustaríanos que a titularidade fose xa municipal pero mentres iso non se aclare está ben lograr vías intermedias que nos permitan darlle un uso.

-Por que pensades que se frearon as negociacións co SIEP?

-Cando chegou ao Concello o PP nós falaramos coa concelleira de Cultura, Ana Fernández, e ela foi franca e recoñeceu que, mentres non se soubese se o Concello era o titular, ela non se ía atrever a facer nada aí. O cárcere non era unha prioridade para eles, estaban máis centrados no Ágora e tampouco tiñan moi claro que facer, así que eu creo que directamente non lles interesaba, tamén porque terían que facer un investimento importante nela.

-Por que pensa que desde o Ministerio hai tanta reticencia a ceder unhas instalacións que non se usan?

-A nós chámanos a atención todo este galimatías. No resto das provincias as cadeas foron transferidas aos concellos porque o SIEP as abandonou e se construíron outros cárceres. Non entendemos por que na Coruña non foi así. Non sabemos se é por ese convenio asinado nos tempos de Francisco Vázquez e estamos agora pagando as consecuencias da súa mala xestión. Pese a todo, é canto menos curioso ver como o Consello Consultivo sinalaba erros garrafais de Vázquez na tramitación, como que non tiña competencias para facer o que fixo ou que faltaba documentación, e agora poñerse a ler a contundencia da sentenza da Audiencia Nacional.

-Que lle parecen as condicións que se coñeceron sobre ese posible convenio ofrecido polo SIEP?

-Non temos moito detalle e supoñemos que é algo no que traballa o Goberno municipal. Entendo que hai moitas cousas que aclarar, como canto vai poñer cada quen e quen asumiría a responsabilidade do uso ou en caso de que acontecese algún sinistro. Son cousas a negociar con cautela. A nós danos pena que, sendo unha prioridade electoral da Marea, todavía non se adiantase moito pero tamén entendemos que están comezando e desbordados pola cantidade que frontes que teñen que atender.

-Confía en que un cambio de cor no Goberno central poida axilizar os trámites?

-A nós sempre nos chamou a atención que cando había gobernos do mesmo partido en Madrid e María Pita non se chegase a un acordo. Pasou durante o bipartito, cando Zapatero era presidente, e agora co PP, cando Negreira e Rajoy estaban á frente dos gobernos. A solución para o cárcere creo que é moi fácil e só é necesario que haxa un pouco de vontade política. Entendo que 1,2 millóns de euros é moito diñeiro, pero vendo os Orzamentos dun Concello como o da Coruña tampouco é nada inasumible. No Remanso vemos como se destinan arredor de 300.000 euros, nos campos da Torre case un millón. Non é unha cifra austronómica e pódese pagar, ou pagarse á metade ou negociar unha terceira vía. O SIEP permaneceu todos estes anos calado sen reclamar tampouco nada. Se o queren solucionar hai formas de facelo.