A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asinou un convenio de cooperación educativa coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) da provincia da Coruña (Aspanaes) para colaborar na atención do alumnado con TEA, ou con calquera trastorno relacionado, así como para o apoio aos seus docentes e familias. Este convenio afonda no reforzo da atención ao alumnado con necesidades específicas que, neste caso, ten como base o Protocolo de tratamento educativo ao alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, publicado pola Consellería. Ao abeiro deste convenio ambas as partes promoverán a sensibilización e a difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con TEA. A Consellería impulsará a formación do profesorado nesta materia, de acordo coa asociación, cuxo persoal poderá tamén prestar apoio nos centros de ensino que conten con alumnado con estas necesidades especiais. Os centros docentes poderán solicitar ademais a colaboración do persoal profesional de Aspanaes co obxectivo de acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes. O protocolo da Xunta foi publicado este curso para servir como ferramenta para guiar a actuación de profesionais do ensino e familias. O documento articúlase en epígrafes centrados no concepto do TEA, a súa diagnose, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento e avaliación.