Un concerto no teatro Colón clausurará o vindeiro xoves, 15 de decembro, ás 20.00 horas o Ano Manuel María, organizada pola Casa-Museo do escritor en colaboración coa Deputación. Co título de A música amorosa das palabras, nel participarán Uxía, Xavier Díaz e Guillerme Fernández.

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi -viúva do poeta-, o secretario Alberte Ansede e a vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín, presentaron onte esta actividade, con entrada libre ata completar o auditorio e para o que se poderán retirar as entradas o mesmo xoves de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. O concerto pretende ser, segundo explicaron, unha mostra de agradecemento as persoas e entidades que, no transcurso destes doce meses, "contribuíron a difundir a obra e a figura do autor", ao que se lle adicou o Día dás Letras Galegas.

A vicepresidente da Deputación trasladou o desexo de contribuír a que a obra de Manuel María "sexa lida por xeracións futuras". Mentres, Saleta Goi asegurou que o concerto quere dar "as grazas ao pobo galego en xeral e a todas as persoas que participaron nas actividades deste ano".