As recentes mocións presentadas polo BNG, PSOE e Marea no pleno municipal do día 9 abondan e concordan co exposto polos abaixo firmantes en escritos publicados en LA OPINIÓN o 3 de abril de 2016 e o 2 de xuño de 2016. Levamos expoñendo a nosa alternativa desde hai anos dun xeito claro e alto.

Mais as tres formacións municipais deixan temas no tinteiro, que trataremos de clarexar para que o debate non quede coxo e os cidadáns teñan unha visión global.

1. Estase a falar só da privatización da metade dos peiraos da cidade. Que pasa con San Diego, Centenario e os peiraos de Oza? Aviso para navegantes: os veciños do noso barrio non estamos dispostos a que servan de moeda de cambio. Cando falamos de cesión gratuita e uso público e cívico dos peiraos, falamos de TODOS OS PEIRAOS. Non estamos dispostos A que se edifique nos peiraos de Oza e San Diego a cambio de librar os do centro da cidade.

2. O custo do peirao de Langosteira está a ser desorbitado. O custo final pódese achegar aos 1.200 millóns de euros sobre un orzamento inicial de pouco máis de 400 millóns. Por enriba, o proxecto constructivo xa variou varias veces, o tren non chegará polo menos ata o 2020... Preténdenos facer crer que coa venda dos peiraos, preto de 50 millóns de euros, van pagar a débeda? O enfoque da Autoridade Portuaria, Xunta e Goberno central (non por casualidade todos eles nas máns do Partido Popular) é claro: reforzar o proxecto do exalcalde Vázquez de especular cos terreos públicos. O menos é a débeda, fácil e asumible para o Goberno como se vé nas radiais de Madrid: a cuestión é beneficiar a intereses especulativos da construcción.

3. Pode ser casualidade, mais a xestión da Autoridade Portuaria, desde a firma do convenio co señor Vazquez, está a ser realmente ineficaz. O único que funciona son tráfegos de enclave, dependentes de mercados exteriores (petróleo), en desuso (carbón, desaconsellado pola Comisión Europea) ou en tránsito a Santiago (cruceiros e pasaxeiros). Mentres, abandóase o tráfego de contenedores, desaténdese a pesca, abandóase o tráfego da estación de San Diego... Como pensa a Autoridade Portuaria xerar negocio para pagar o resto do porto de Langosteira?

4. A xestión na construcción de Langosteira está a ser do máis rocambolesco. O proxecto xa variou varias veces. O incremento de costes sobre o inicio é xa desorbitado. O tren non da chegado, e non precisamente por retraso no horario. Pemex e outros posíbels negocios están desaparecidos. Repsol pide unha millonada por marchar a Langosteira. A eficacia do Porto está a ser posta en cuestión polas dificultades de funcionamento, como veuse en varios casos, o último o do petroleiro Max Jacob, contados por Antón Luaces nas paxinas de LA OPINIÓN. Por xerar novas correntes, etc. Consideramos que os grupos municipais deben esixir á Xunta as responsabilidades derivadas da xestión da Autoridade Portuaria en punta Langosteira, así como pedir a Puertos del Estado e Fomento unha auditoria externa sobre o sobrecoste das contas e os continuos cambios do proxecto.

5. Nesta historia o oneroso convenio firmado polo Concello do señor Vázquez e a Autoridade Portuaria para a privatización dos peiraos está fóra de lugar. Data xa do ano 2004. A súa confianza na burbulla inmobiliaria foise co vento, e a cidadanía descubriu a xogada de vantaxista.

Consideramos que o Goberno local, máis o BNG e o PSOE, deben esixir a Puertos del Estado e Fomento unha negociación para anular o actual convenio e redactar un que recolla a cesión gratuita dos terreos portuarios ao Concello, á cidadanía, para usos cívicos.

Os grupos municipais que se opoñen á privatización dos terreos portuarios deben facer un chamamento a toda a cidadanía para evitala. Só a forza unida de toda a cidade pode parar esta aldraxe.