Para Tomás Manso

O pasado mes de marzo a Real Academia Galega de Ciencias decidiu nomear a Baltasar Merino Román (1845-1917) como científico galego do ano 2017. Unha homenaxe que abrangue o acto académico a celebrar o 4 de outubro e diversas actividades nas que se salientará a valiosa contribución de Merino no estudo da flora e da climatoloxía galegas.

Profesor de ciencias na Guarda

Merino foi un xesuíta burgalés que chegou a Galicia no curso 1880-1881, destinado ao Colexio Santiago Apóstolo da Compañía en A Guarda (Pontevedra). Alí impartiu clases de ciencias, principalmente de Física e Química, e fíxose cargo do observatorio meteorolóxico. En 1900 deixou a docencia para dedicarse plenamente ao labor botánico, unha actividade que iniciara dez anos antes, cando a partir dos seus estudos meteorolóxicos foi desenvolvendo un persistente interese pola identificación das plantas de Galicia e a descrición de novas variedades (taxones) destes seres vivos.

O naturalista Seoane como primeiro mentor

Nos primeiros pasos de Merino pola Botánica xogou un papel moi relevante o naturalista ferrolán afincado na Coruña Víctor López Seoane (1832-1900). De feito, a consulta do fondo documental deste científico, custodiado polo Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, permite seguir esa relación, iniciada en 1883, e que acadou a súa máxima intensidade entre os anos 1892 e 1897.

Inicialmente Seoane remitiu ao xesuíta as súas publicacións e lle solicitou información sobre as aves da zona sur de Pontevedra ou o envío de exemplares de narcisos. Porén desde 1892 xa se apreciou un cambio significativo nos contactos, Merino empezou a pedir e recibir axuda do naturalista para a identificación dalgunhas das plantas que estaba a recoller. A colaboración de Seoane non se limitou á determinación deses exemplares, tamén supuxo o préstamo de libros técnicos cos que o xesuíta puido avanzar no coñecemento da flora. O resultado dese esforzo serían, sobre todo, dous traballos publicados polo burgalés, un de 1895, Algunas plantas raras que crecen espontáneamente en las cercanías de La Guardia (Pontevedra) e outro de 1897, Contribución a la Flora de Galicia. La vegetación espontánea y la temperatura en la cuenca del Miño, libro dedicado a Seoane e no que o naturalista escribiría o limiar, Bosquejo histórico de la Botánica española.

'Flora de Galicia'

O seguinte paso na actividade científica de Baltasar Merino Román sería a elaboración dun traballo que recolleu a descrición pioneira do conxunto das plantas do país, a Flora de Galicia, que se convertería na súa obra magna. Para a realización contou coa experiencia e coñecemento adquiridos nos anos previos e con novas relacións científicas con expertos como o relevante botánico Carles Pau (1857-1937), quen colleu o relevo de Víctor López Seoane como director científico.

Dese xeito, en 1905 iniciou a publicación da Flora descriptiva e ilustrada de Galicia, rematada en 1909. En tres tomos recolleu 1.777 especies e 77 no Suplemento, un total de 1.854 especies, que se verían ampliadas nas sucesivas Adiciones. Supuña un considerable esforzo de recolleita, de observación e de síntese, converténdose en modelo de flora dun territorio peninsular. Para entender a importancia cómpre indicar que mantivo a súa vixencia como referencia útil para os labores botánicos ata ben avanzada a segunda parte do século XX. De feito nos anos setenta os estudantes de Bioloxía en Compostela aínda utilizabamos o libro de Merino para completar o proceso de identificación de especies que, nas clases prácticas de Botánica, empezábamos por claves dicotómicas francesas.

Precariedade institucional

A demanda de axuda de Merino a Seoane, un naturalista sen experiencia botánica, e a longa vixencia da súa Flora amosan, entre outras cousas, unha chamativa ausencia durante décadas de expertos e de institucións científicas en Galicia. Se acudiu Seoane foi porque naquel tempo non existían estudosos da flora galega no país, pois desde que en 1852 o catedrático José Planellas publicara un libro sobre a Flora fanerogáma, a Universidade compostelá estaba, en xeral, á marxe das investigacións botánicas, de tal forma que os únicos avances procedían das pescudas de especialistas estranxeiros, como Maurice Willkomm e, sobre todo, Johan Lange. Nesa cuestión influíu o lamentable feito de que desde 1867 non existía Facultade de Ciencias en Santiago, que só se restituíu en decembro de 1922 e limitada á carreira de Químicas.

O fenómeno afectou ao conxunto de España, pois a finais do século XIX e principios do XX foron os botánicos afeccionados, os que non vivían dese labor, quen tiveron que asumir o protagonismo do estudo da flora. Persoas situadas fóra das institucións científicas oficiais ou especialistas estranxeiros supliron a ineficacia e especulación do estamento oficial, dos profesionais, xeralmente catedráticos de universidade, que optaron por permanecer nos despachos e elaborar "avanzados" escritos de divulgación ou carentes de valor botánico fronte o labor de campo dos non profesionais. Ese foi o papel de Merino en Galicia, científico pouco innovador pero activo botánico "a pé de obra".

E a persistencia da Flora como libro útil durante décadas dinos bastante sobre os limitados avances no estudo da flora galega nos anos posteriores á súa publicación cando as institucións, nomeadamente a universidade galega, deberían ter ofrecido novos materiais que fixeran do libro de Merino un texto de exclusivo valor histórico.

Viaxes de herborización

En correspondencia co que vimos de comentar, na base do labor botánico de Merino estivo sempre a súa importante capacidade de recolección e observación, de contacto directo coas plantas no seu hábitat natural. Iso supuxo a realización de numerosas excursións polo territorio galego e a axuda de diversos colaboradores, en xeral antigos alumnos e cregos das parroquias rurais, que lle facilitaban informacións, acollían, guiaban e fornecían de exemplares. Parte deses percorridos polo país, os realizados entre 1900 e 1902, apareceron nunha publicación da Compañía de Xesús, Razón y Fe, textos nos que Merino falou de Botánica e nos que tamén realizou algún comentario, reaccionario, sobre a sociedade do seu tempo. Case cen anos despois, en 1987, no Seminario de Estudos Galegos decidimos recuperalos. Fun con Isaac Díaz Pardo á biblioteca do Centro Fonseca na Coruña a consultar a revista Razón y Fe, da que seleccionei os anteditos artigos de Merino para que Isaac pedira o correspondente permiso cara a súa edición facsimilar nun libro que pouco despois publicou en Ediciós do Castro, cunha acaída portada con elementos vexetais de Xosé Karawane; nel apareceron reunidas as viaxes de Merino por Galicia, precedidas dun estudo que realizamos Francisco Díaz-Fierros e máis eu.

Un bo botánico e mal historiador

Merino publicou un artigo sobre Seoane cinco anos despois da morte do seu mentor: Don Víctor López Seoane como naturalista. Un texto que inclúe diversos erros sobre a vida e currículo do ferrolán e que salienta polo seu ton apoloxético, de esaxeración dos méritos do naturalista, presentando a un Seoane especialmente altruísta, vitima da incomprensión dos seus colegas e utilizado por estes. A principal razón que explica esas deficiencias na biografía é que Merino a elaborou unicamente cos datos que Seoane e a súa familia lle forneceron; aceptou acriticamente o relato que o propio interesado tiña fabricado sobre a súa vida científica. Un comportamento que pon en evidencia ao noso botánico como historiador porque unha parte substancial dese labor consiste na análise e interpretación das fontes, dos elementos que ofrecen información sobre o tema de estudo, unha cuestión que cómpre extremar nos casos nos que, como o que comentamos, é o propio personaxe estudado e a súa contorna familiar quen comunican. Merino debeu verificar, contrastar, contextualizar e valorar a información facilitada por Seoane e ampliala coa fornecida con outras fontes para establecer os datos e elementos claves na biografía do naturalista.

Asemade, o botánico ignorou sempre que a dirección científica de Seoane contou cunha singularidade. Aquelas plantas que o xesuíta lle remitía para a súa identificación eran trasladadas polo naturalista a especialistas, sobre todo Johan Lange, que se ocupaban dese traballo. Descoñeceuno porque Seoane nunca llo dixo, agachouno, se ben podería sospeitar algo porque sabía que o ferrolán tiña moi escasos coñecementos botánicos, como amosa a ausencia de traballos técnicos sobre a materia e o seu recurso a expertos para confeccionar o herbario. Malia iso, desde o punto de vista práctico, o labor de intermediario de Seoane axudou a que o estudo da flora de Galicia avanzara.