Hai xusto medio século, Jenaro Dalda percorría o río Deo estudando as súas plantas. Sería un traballo de cento cincuenta e dúas xornadas de campo repartidas en tres anos que fundamentaría a súa brillante tese Vegetación de la cuenca del río Deo. Cuenca alta del Mandeo. Dalda subliñou no seu estudo que a elección de dita zona debeuse á abundancia de zonas higroturbosas (nas que se incluirían brañas húmidas con toxos, uces e esfagnos), similar a outras zonas do interior galego. Oito foron as conclusión de dito estudo ecolóxico-fitosociolóxico, entre as cales chama a atención a lista de plantas obtida: 430 especies, das cales seis serían primicias para a provincia da Coruña. Sen dúbida, unha contribución sobresaliente ao coñecemento botánico en Galicia.

Pero Jenaro Dalda tamén traballou simultaneamente noutros lugares. No primeiro número da revista Botanica complutensis, que veu a luz en 1968, publicou Estudio fitoecológico de la Laguna de Valdoviño, en La Coruña, que, segundo o mestre Rafael López Loureiro, alma do Samaín e divulgador da natureza do Ortegal con Ao noroeste do noroeste, podería ser o único traballo verdadeiramente científico e monográfico sobre o lugar.

Ao ano seguinte Dalda escribiría un artigo titulado La naturaleza maltratada, na revista do Instituto José Cornide, nunha época en que os artigos conservacionistas eran auténticos merlos brancos nun país aínda baixo o ferro da ditadura.

Logo da defensa da súa tese en 1972, Jenaro Dalda exercería como profesor de ecoloxía en Santiago e funcionario de Agricultura (con vínculos co ICONA), realizando algún traballo notable como Los efectos del fuego en la vegetación forestal de Galicia. O tamén mestre Xan Rodríguez Silvar, que coñeceu a este gran naturalista, escribiu: "Dalda foi un estímulo para algúns na entón escuálida universidade compostelá, por ser un dos poucos que publicou algo sobre ecoloxía galega e pola súa bonhomía e accesibilidade". Engade que Dalda fixo moito traballo administrativo -discreto pero efectivo- en prol da conservación da natureza galega. "Logrou limitar a actividade cazadora no mencionado lago da Frouseira moitos anos antes de que esta fora efectivamente protexida", e o seu traballo científico "contribuíu a dar unha base á fundamentación científica para que a lagoa estea baixo o Convenio Internacional de RAMSAR".

O nome de Dalda volvería resoar moi alto este mesmo ano 2017, unha vez que a súa familia doou a súa colección privada de libros -con títulos de finais do século XIX-, traballos de investigación, artigos, e un extraordinario herbario á biblioteca e centro de documentación ambiental do CEIDA en Santa Cruz de Liáns (Oleiros).

A pesar de todo isto, hoxe en día a conservación de dous dos espazos naturais estudados por Dalda dista moito de estar asegurada: a cunca do río Deo foi parcialmente ocupada por plantacións de eucalipto que estragaron algunhas das brañas húmidas moi valiosas, que deberían estar protexidas baixo o paraugas da Rede Natura 2000. O lago da Frouseira ten problemas recurrentes de xestión hidrolóxica, ademais de molestias constantes do ser humano, especialmente aqueles que ceiban os cans neste espazo natural, para desgraza das aves que alí repousan ou crían.

Queda moito por facer nestes espazos. Actualizar os estudos que iniciou Dalda nestas zonas é imprescindible, así como loitar por unha conservación efectiva e real dos valores naturais do Deo e da Frouseira.

Comparto as palabras do profesor Rodríguez Silvar sobre Dalda: "un home rigoroso e discreto que fixo cousas en tempos nada fáciles". Sirva este artigo de merecida homenaxe a este naturalista pioneiro e valente.