ÚLTIMA HORA
Se estrella un F18 en los alrededores de la base aérea de Torrejón

Un coruñés no templo nipón dos videoxogos

A empresa KLabGames elixe a Senén Gayoso e a unha 'gamer' americana para participar nun dos festivais máis importantes de Asia

11.09.2017 | 09:10
Senén Gayoso, na cúpula do parque de Eirís.

Senén Gayoso Regueira é, en YouTube, El Síntoma T, un mozo de 29 anos que ten un traballo pero que, durante o seu tempo libre, colga vídeos xogando a videoxogos, dando consellos a outros afeccionados e mostrándolles como sobreviven as súas personaxes e como pasan de fase en fase.

Do 19 de setembro ao 24 estará en Xapón, colaborando coa empresa KLabGames, que escolleu o seu vídeo e o doutra gamer americana para que fagan de "reporteiros" nun festival que van facer en Tokio. Di Gayoso que xoga a videoxogos desde pequeno pero que, non foi até hai un ano e medio, cando comenzou a subir vídeos a YouTube ao Bleach Brave Souls, o xogo de móbil que lle abriu as portas de Xapón. É un xogo de acción, dos de completar misións, darlle máis poder ás personaxes e de enfrontarse aos inimigos, todo isto, coa combinación de botóns do teléfono, e man a man con outros usuarios arredor do mundo.

"Foi a propia empresa do xogo a que lanzou o concurso. Nun vídeo dun minuto tiñas que demostrar por que tiñas que ser ti quen debía ir a este evento. Eu participei e colléronme. Fíxeno orixinal, para que a xente se divertise ao velo, aínda que tamén engadín unha parte seria. Debeulles gustar, porque me escolleron", resume Gayoso. Agora ten por diante, o compromiso de participar no show que a empresa fai cada mércores explicando os segredos e as novidades dos seus videoxogos.

"Ese programa vanno facer no Tokyo Game Show [un dos festivais dedicados aos videoxogos máis grande de Asia, con máis de 200.000 visitantes], pasaremos por alí para probar os seus xogos, contarlles a nosa experiencia, e creo que apareceremos dous días", comenta Gayoso, que non nega que lle gustaría poder vivir disto que, actualmente, é só unha afección.

Para quen careza de toda relación co mundo dos videoxogos, un ano e medio de relación pode parecer moito tempo, porén, Senén Gayoso asegura que non se cansa de Bleach Brave Souls, aínda que tampouco lle dedica todo o seu tempo de lecer.

"Tamén xogo a outros xogos e non estou todos os días cinco horas. Hai días que entro media hora e despois fago un vídeo para lle ensinar á xente, por exemplo, como conseguir personaxes e sempre facendo rir", explica este coruñés con máis de 3.300 seguidores en YouTube.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine