Episodios da cultura científica

Na Coruña botou a andar a primeira institución creada en Galicia para o estudo dos océanos

O Sub-Comité herculino da "Société d´Oceanograhie du Golfe de Gascogne" desenvolveu unha interesante actividade nos primeiros anos do século XX

17.09.2017 | 03:53

O domingo 28 de xaneiro de 1906 tivo lugar no edificio do Consulado, na sala de xuntas do "Colegio pericial mercantil", unha reunión da "Sociedad de Oceanografía del Golfo de Gascuña. Sub-Comité de la Coruña". Semella que foi a da constitución formal da entidade, se ben o grupo promotor xa iniciara o labor un ou dous antes antes, un traballo sobre o estudo das correntes mariñas entre os portos de Bordeos e Coruña. Cara ao propio 1906 os obxectivos establecidos polo Sub-Comité foron os de realizar sondaxes de lugares perigosos nas nosas costas, estudar as correntes mariñas entre A Coruña e Vigo e crear un acuario no que figuraran especies "raras". Elixiuse unha primeira xunta directiva, constituída por Etienne Bertrand como presidente, Eduardo Vila Algorri vicepresidente, Henry Gilard secretario, Luis Mayor Moreno vicesecretario, Laurent Rea tesoureiro, Augusto Barreiro como "consejero delegado para el servicio meteorológico" e o conselleiro César Suárez de Centi. O 28 de outubro dese ano 1906 aprobáronse os estatutos, que foron redactados por Bertrand e Vila.

Para valorar a importancia desta iniciativa pioneira, e moi pouco coñecida, non está de máis reparar na situación da investigación mariña nos inicios do século XX. Cómpre lembrar que nese ano de 1906 Odón de Buen acadaría do Goberno español o permiso para fundar o Laboratorio de Bioloxía mariña de Baleares, iniciando un proceso que lle levaría a fundar en 1914 o Instituto Español de Oceanografía (IEO). En Galicia houbo varios precedentes, en 1788, creouse na Coruña a "Empresa de Pesca de Galicia", entre 1876 e 1886 funcionou en Ortigueira un Parque-Escuela de Ostreicultura" e o profesor da Universidade de Santiago, Antonio Vila Nadal, fixera múltiples esforzos para fundar unha estación de Bioloxía mariña en Carril. Mais ao inicio do século XX non existían institucións dedicadas ao estudo do mar; na segunda década, en setembro de 1917, estableceríase en Vigo un Laboratorio do IEO que pechou en 1920 e reabriu en 1935.

O impulso francés

O Sub-Comité xurdiu a raíz da residencia na cidade herculina do enxeñeiro francés Etienne Bertrand, que era vicepresidente da "Société d´Oceanograhie du Golfe de Gascogne", institución creada en 1899 en Bordeos para favorecer o desenvolvemento da ciencia oceanográfica e das súas aplicación ás industrias do mar. Bertrand, o seu delegado na Coruña, convenceu á entidade bordelesa de crear o Sub-Comité. No proxecto contou con outros residentes galos, o armador Henry Gilard e o enxeñeiro de "artes y manufacturas" Laurent Rea, e con personalidades locais, membros da burguesía e profesionais interesado nos fins da entidade coruñesa, favorecer estudos oceanográficos e colaborar cos proxectos da Société.

Entre os implicados figuraron o enxeñeiro Eduardo Vila Algorri, director de "Obras del Puerto" da Coruña e dun estaleiro da Graña, Luis Mayor Moreno, profesor da Escola de Comercio, Amador Fernández Diéguez, oficial de Facenda, Tomás Rico Jimeno, catedrático de Historia Natural do Instituto de ensino secundario, os armadores Gaspar Barreras e Enrique Guyatt, o enxeñeiro de Camiños, Emilio Pan, o director de Sanidade do porto de A Coruña, César Suárez de Centi, o relevante fotógrafo José Sellier, introdutor do cinematógrafo en Galicia (que asinaría algunhas fotos como "photographe de la Société"), os banqueiros José Marchesi, Luciano Marchesi e Ricardo Rodríguez Pastor, etc. Os "corresponsales" da entidade fóra da Coruña eran: Raimundo Riestra en Pontevedra, Luis Suárez González en Porto e Nicasio Pérez Moreno en Ferrol. O número de socios chegou, en 1906, aos oitenta e un.

O interese polo mar nunha cidade cuxa historia estivo sempre unida a el tivera múltiples expresións en diferentes momentos. Naqueles anos funcionaba na Coruña a Liga Marítima, presidida por José Marchesi Buhigas e na que tamén participaba Eduardo Vila. Unha institución nada a partir da creación da Liga Marítima española en 1900, iniciativa que pretendía conectar á sociedade co medio mariño.

O pavillón oceanográfico

Aprobados os estatutos, creáronse diversas comisións. A Real Orde de 16 de xaneiro de 1908 outorgou ao Sub-Comité o título de Real, aceptando Alfonso XIII a presidencia de honra do mesmo. No Consello directivo de 16 de novembro de 1909 Bertrand comunicou que deixaba de residir na Coruña e pasou a ocupar a presidencia Eduardo Vila e a vicepresidencia Javier Ozores Pedrosa (alcalde da cidade entre 1909 e 1914). Este feito e a propia actividade da institución marcaron un proceso de progresiva autonomía do Sub-Comité con respecto a Société.

Desde xullo de 1909 iniciouse a construción dun edificio para a entidade na zona do porto coruñés, nun terreo cedido polo Ministerio de Fomento. O 21 de decembro dese ano un temporal botouno abaixo antes de rematar. Para as obras de reconstrución contaron coa axuda de "Obras del Puerto", que contribuíu con 5.000 pesetas. O edificio, chamado "Pabellón oceanográfico", foi inaugurado o 16 de xaneiro de 1911.

Na Xunta do 13 de xaneiro de 1913, elixiuse como novo presidente a Roque Ponte, ocupando a vicepresidencia Alfredo de Lafuente e a secretaría xeral Luis Mayor. O último acto da institución tivo lugar en 1918, co gallo da celebración do Congreso de Pesca en Madrid. Luis Mayor acudiu por petición do Alcalde accidental, Gerardo Abad Conde, como representante do Sub-Comité, unha entidade que vivía das cotas dos seus socios e cando Facenda quixo cobrar a contribución polo edificio a institución non puido facer fronte aos gastos e iso provocou a súa desaparición.

O estudo das correntes mariñas

Un tema que resultou prioritario para a sociedade oceanográfica coruñesa foi o do seguimento das correntes, tarefa na que, como vimos, iniciou o seu labor. O propio 1906, cando a entidade levaba varios meses funcionando, visitou as costas galegas o buque francés Andrée. Participaba unha campaña organizada pola "Société d'Océanographie du Golfe de Gascogne" para o estudo das correntes superficiais en base ao lanzamento de flotadores, proxecto que dirixía o doutor James Woolonghan, cónsul de Mónaco en Bordeos e administrador da Société.

En Ferrol uníronse á expedición varios membros do Sub-Comité coruñés. Ademais do tema dos flotadores fixeron captura de plancto e estudaron a escaseza de pesca. Asemade, Woolonghan e Nicolás Manlay-Bendall, secretario xeral da Société, impartiron na Coruña conferencias sobre a alimentación da sardiña e a dirección das correntes mariñas. Ese mesmo mes de agosto o Sub-Comité acadou, grazas ás xestións de Eduardo Vila, que o Goberno puxera á súa disposición o "cañonero" Marqués de la Victoria e entre os días 6 e 9 Bertrand e Vila lanzaron desde a súa cuberta 200 flotadores ao longo da costa galega.

A sociedade oceanográfica participou cunha modesta subvención na expedición do buque Jacques Cartier polo Ártico e o presidente acudiu en 1907 á Exposición marítima Internacional de Bordeos. Presentou no evento unha interesante colección de peixes, crustáceos e moluscos. Fora confeccionada en base a exemplares facilitados por armadores de barcos pesqueiros, a contribución do socio Manuel Puga Pequeño e o labor de José Bernárdez Ojén, taxidermista da institución. Entre os elementos presentados figuraba un grande escualo (5 metros), denominado daquela Notidanus griseus, capturado no Cabo Vilán o 26 de outubro de 1906 e outro de 1,14 metros, Chlamydoselachus anguinus, especie moi rara. Bertrand envioulle ao director do Museo de Ciencias de Madrid, Ignacio Bolívar, fotos dos animais comentados e este presentou unha nota sobre o tema no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia natural (1907). Nela afirmaba que "Ha descubierto el Sr. Bertrand un líquido conservador a base de formol y glicerina, pero en preparaciones que dan un excelente resultado?". É posible que o líquido fose elaborado por Bernárdez (que recollía os exemplares dos armadores e procedía á súa conservación), xa que tamén no breve artigo as fotos son atribuídas a Bertrand e eran obra de José Sellier. En todo caso, o Sub-Comité obtivo en Bordeos un diploma de honra pola súa participación e unha medalla de ouro e bronce a Eduardo Vila e José Bernárdez.

En xullo de 1909 a Liga Marítima de La Coruña puxo a disposición da sociedade oceanográfica o vapor Oregón e diversos socios puideron acompañar a Alfonso XIII en Ferrol e na viaxe por mar ata Coruña. A institución herculina apoiou a creación dos clubs náuticos de A Coruña e Vigo e, en 1913, acordou solicitar a constitución dunha estación biolóxica na Coruña. Editou diversas publicacións, como Oceanografía (1908), folleto divulgativo obra do enxeñeiro Guillermo S. Thomson, e o Discurso pronunciado en la sesión del Congreso el día 20 de octubre de 1908 por el diputado a Cortes por La Coruña D. José del Moral y Sanjurjo relativo al proyecto de comunicaciones marítimas.

A instalación dun observatorio meteorolóxico no pavillón oceanográfico foi un dos principais obxectivos e éxitos do Sub-Comité, como explicamos noutro episodio. A información recollida nese observatorio figuraba no propio local e tamén era reproducida polos xornais locais. Eventos importantes na vida da institución coruñesa foron as visitas do Príncipe de Mónaco e Jean Baptiste Charcot, como tamén xa comentamos.

Relación coa sociedade oceanográfica guipuscoana

A vitalidade inicial da sociedade oceanográfica coruñesa púxose de manifesto no interesante proxecto de crear unha "Sociedad Española de Oceanografía del Cantábrico", que tería o seu comité directivo en A Coruña, para o que pretendía unir á Estación de de Bioloxía Santander, o Observatorio meteorolóxico de Igueldo e o propio Sub-Comité.

A iniciativa non foi adíante pero os contactos co observatorio donostiarra fixeron que a entidade herculina participara nos primeiros pasos da "Sociedad Oceanográfica de Guipúzcoa", a segunda constituída no ámbito español, o 19 de setembro de 1908. Para os vascos o Sub-Comité serviría de referencia, mantendo numerosos contactos e unha intensa colaboración. Etienne Bertrand asistirá en San Sebastián ás primeiras reunións dos seus colegas, onde explicou o labor realizado na Coruña. Un dos primeiros acordos da nova entidade foi que "para toda clase de trabajos científicos marche de acuerdo y se entienda directamente con el Real Subcomité Oceanográfico de La Coruña". Cando Bertrand deixou A Coruña debeu trasladarse para San Sebastián, pois se integrou na sociedade donostiarra como vogal e encargado do Laboratorio biolóxico. Posteriormente, a sociedade oceanográfica donostiarra apoiou aos seus colegas coruñeses na demanda dun observatorio meteorolóxico.

Remataremos este episodio aludindo a un detalle curioso. Como vimos, o período final da sociedade oceanográfica coruñesa tivo lugar en tempos do remate da Primeira Guerra Mundial. Dous dos fundadores do Sub-Comité herculino participaron, Gilard desde A Coruña e Bertrand desde Corcubión, como informadores das autoridades galas sobre os movementos de barcos e foron expulsado da neutral España en 1917.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine