Lamentable. Esta palabra escoiteina onte máis que moitas veces durante a retransmisión do partido. Apenas ían vinte minutos de xogo e as queixas eran máis que contundentes. O pleno que dicía Riki que tiñan que buscar nesta semana esvaiu. Levouno o temporal, que non sei se acadou á costa mediterránea, cara non sei onde. O que hai é que os tres puntos de onte ficaron en Cartagonova. Ademais de ser a única realidade, cabería dicir que con toda xustiza. Como pode un equipo aspirar a gañar un partido sen disparar a portería? Porque o gol, alén do que diga o árbitro na acta, é de Lassad, co seu centro desde a esquerda. Riki tentou unha cabezada pero non acadou a tocar a pelota, que pasou mansa pola línea da portería que defendeu Reina. Lamentable. Pódoo dicir eu, pero ten menos valor, sobre todo para os futbolistas. Pero que saiban que neste caso é a reprodución do que dicían unha morea de seareiros, deses vintetantos mil que cada partido se achegan a Riazor. Deses que van un paso, que xa deben ser cinco, por diante do equipo. En Córdoba todo foron loubanzas. Onte todo son reproches. Tanto nun partido como noutro están xustificados os calificativos e as opinións. Hoxe haberá xente que pense que deste xeito non se pode ir a ningures, que o ascenso é só unha ilusión e cousas dese estilo. É unha reacción normal despois dun fiasco. Porque niso si teñen razón os xogadores cando din que o obxectivo se ten que acadar en xuño. O ascenso, esa palabra que todos empregamos coa boca chea, acádase ou pérdese en xuño. Antes, só posibilidades. De momento están intactas. Non o están os xogadores e técnicos, aos que os afeccionados enxuíciaron onte de xeito negativo: Lamentable. É o que di a rúa. Eu tamén.