Vou cometer un exceso e xogar a adestrador. Algo que hai un tempiño, moito, non fago. Se eu fose Fernando Vázquez faría cousas que el non fixo e non faría outras que el fixo. Eu non remataría o partido con tres centrais e non colocaría a Salomão por dentro, como fixo nalgún momento do partido. Pero claro, pódoo dicir agora que hai unas horas que rematou o encontro. Mesmo ouso dicir que desde agora xogaría desde o comezo con estes tres centrais, un so centrocampista e o resto serían atacantes. Que se colocasen como quixer. Que máis ten! Tal como xoga o Deportivo eu mantería esa filosofía innegociábel, que di Vázquez e coa que concordo. Limitaríame a pegarlle ao balón cara arriba a que o collese algún dos atacantes e fixese o que lle saíse. Total para o que serven os centrocampistas que teñen que organizar e construír? Rabello toca moito, pero como se non o fixese e Juan Domínguez trema da pelota e trema e trema, cando aparece, e pouco máis. Para min, estilo inglés do de antes. Ou como dicíamos por aquí hai un tempiño, estilo As Mariñas. Defender, balón cara arriba e a correr. Non foi o que aconteceu onte? Quizais onte centrouse máis o balón cara arriba en Salomão. Todo o xogo ofensivo pasaba por el. Xa sei que é quen de romper un partido, pero tamén o saben os adversarios, por iso ademais de Luis Hernández, o lateral, estaba Lora pendente del. Haberá que contar con outras posibilidades. En parte débeo facer o adestrador e en parte os futbolistas, que son os que deciden co seu xogo sobre o céspede. Se están, claro. Se non se agachan. Por certo, falando de futbolistas, onte vin un enorme: Nacho Cases.