Fútbol Galicia

A selección galega volve en maio

Rafa Louzán, presidente da Federación anunciou onte o amigable diante de Venezuela. Riazor cobra vantaxe para albergar o partido ao estar Balaídos en obras

10.04.2016 | 10:41
Os xogadores galegos festexan un gol perante Irán en Riazor, con Álex á dereita.

A selección de Galicia reaparecerá case oito anos despois do seu último encontro, segundo anunciou onte a Federación Galega de Fútbol através dun comunicado. Desta volta o rival será Venezuela, que estará a preparar a súa participación na Copa América Centenario, na que debutará o 5 de xuño perante Xamaica. O encontro disputarase o vindeiro 20 de maio aínda que o estadio está por sinalar, pero Riazor é o que semella ter máis azos para acoller este encontro.

Galicia recuperara á súa selección no 2005 nun amigable diante de Uruguai no estadio de San Lázaro (Santiago) e despois chegaron outros tres encontros -Ecuador en Riazor, en 2006; Camerún en Balaídos, en 2007; e Irán en Riazor, en 2008-. Non houbo máis, o cambio de governo na Xunta supuxo a eliminación da chamada Irmandiña. Fóra recuperada polo governo bipartito que presidía Touriño e tiña a Quintana de vicepresidente. A fronte dos deportes estaba Santiago Domínguez, un dos principais impulsores do rexurdimento da selección galega.

O troco político, coa presidencia nas mans de Feijóo e o deporte galego nas de Lete Lasa, provocou a desaparición da selección galega de fútbol e tamén, entre outras, a do equipo galego de ciclismo. Agora, con Núñez Feijóo aínda na presidencia da Xunta e Lete como máximo responsábel do deporte galego, a Federación Galega decide recuperar un equipo que solo pode disputar amigábeis, pero que amosou nos catro partidos anteriores nesta nova época, que era quen de encher non so San Lázaro, se non tamén Riazor e Balaídos.

Rafael Louzán, actual presidente da Federación Galega, se comprometera á recuperación desta selección cando se presentou ás eleccións nas que derrotou a García Liñares na loita polo poder no fútbol galaico. Non tardou demasiado en cumprir a súa palabra, quizais porque ten máis poder que Lete Lasa. Onte apuntou na Radio Galega que ten moito adiantado: árbitro, adestradores? Fáltalle o escenario. Todo sinala Riazor. O coruñés é co de Balaídos o que ten máis capacidade para acoller un partido de fútbol grande, e o do Celta non semella que estea disposto para esa data. Está en obras, e o consello de administración do Celta ten o obxectivo de darlle pulo ás obras tan pronto como remate a Liga (15 de maio). "Nos próximos días na Federación Galega ímonos ocupar do escenario do encontro: Balaídos é máis complicado que Riazor, pero non sabemos aínda", dixo onte Louzán na Radio autonómica.

Xa a Federación Venezolana de Fútbol fixera público o venres este encontro, foi o seleccionador daquel país, Rafael Dudamel, quen falou deste amigable e dos outros catro que o combinado Vinotinto disputará antes de que comece a Copa América Centenario. Entre os futbolistas convocados estarán Peñaranda, fino atacante que milita no Granada, e Tuñéz, exdefensa del Celta y agora no Buriran de Tailandia. Un combinado de nível, que enfronte terá a outra formada por "posiblemente a mellor xeración de futbolistas galegos da historia do noso fútbol", segundo Rafael Louzán. "Xogadores como Lucas Pérez, Iago Aspas, Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Pedro Mosquera, Diego López, Denis Suárez, Iago Falqué, Joselu, Rodrigo, Roberto Trashorras, Lucas Vázquez, ou o internacional sub 21 Jonny, son exemplos que reflexan o nivel da nosa selección", engadiu Louzán. E Álex Bergantiños, que xa xogou no 2008, entre outros moitos que tamén están en Primeira.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Canal Esquí

Esquí alpino

Toda la información sobre la nieve

Consulta la información más completa de las estaciones de esquí, consejos, , snowboard, viajes...

 
Enlaces recomendados: Premios Cine