Os montes de Mesoiro e A Zapateira acolleron a segunda edición do C Trail Brigantia Aventura cun éxito de participantes ao acadar a cifra de 407, gañando así 100 corredores respecto ao ano pasado. Como acontecera na primeira edición, a competición dispuxo dúas modalidades, un trail longo de 23 kilómetros e con 1.020 metros de desnivel, e o trail curto, de 10 kilómetros e 500 metros de desnivel con saída no barrio de Novo Mesoiro.

Nesta segunda edición do trail organizado polo Club Brigantia Aventura o primeiro en cruzala meta na modalidade longa foi Javier Toubes, cun tempo de 1 hora, 20 minutos e 40 segundos. Na modalidade feminina a máis rápida foi María José Grobas e nas probas de veteráns, Emilio Martínez Manta e Sonia Botana. O trail curto tivo como campión a Manuel Corral López ao rematalo en 49 minutos e 11 segundos, e o feminino a Amelia Roca. En veteráns, Rafael Lucena Haz e Ana Luz Vázquez.

A novidade principal desta tempada foi a creación dunha andaina. "Pensamos en que sería interesante que o Brigantia contase cun ton lúdico, que combinase as características do senderismo e da marcha nórdica", comenta Iván Brea, un dos responsables do trazado do Club Brigantia Aventura. E engade: "Aqueles corredores que repetían nas actividades de trail afrontáronnos saíndo no sentido contrario".

O trail curto foi un novo ano o que maior número de inscricións acadou, 230, respecto ás 180 no de maior distancia. "Temos moitos participantes que son principiantes polo que prefiren comezar co curto, os que xa estiveron na primeira edición animáronse a probar o longo", indica Iván. Ademais, para garantir a seguridade tan só os maiores de 18 anos puideron tomar parte na andaina. "A pesar de contar coas indicacións ben especificadas no percorrido, trátase dunha modalidade na que entra en xogo a independencia do corredor, logo pensamos que era conveniente reservar a súa participación á andaina e baixo autorización paterna".

Porén, a dificultade que implica o trail non é menor para os adultos. "Houbo xente que me comentou que as zonas de subida na Zapateira resultáronlle a parte máis difícil. Ao estar acostumados á media maratón e ao asfalto notan a difencia", explica Brea. Mais matiza: "No que todos coinciden é que o contacto coa natureza é o que fai distinto a outras propostas na cidade". De cara ao próximo ano, Iván Brea agarda que poidan introducir algunhas sorpresas. "Non pode adiantar nada, mais non deixará a ninguén indiferente", conclúe.