Unha muller cunha bufando do Deportivo pasou onte pouco antes das oito do serán por diante da sé de LA OPINIÓN A CORUÑA. Ía cara María Pita. Boteille un pouco de cara e lle dixen que levaba o camiño errado, que Riazor quedaba para o lado contrario. Riu e dixo: "Xa o sei, neniño, xa o sei. Cara aló irei cando remate o partido. Espero". Neniño. Escoitar esa palabra implica evocar directamente a Arsenio Iglesias. Lembranzas das súas vivencias, das súas experiencias. Foron moitos anos vendo os seus adestramentos, os partidos e, o mellor de todo, escoitalo. Como se di agora, nunca tivo ataques de adestrador. Facía todo moi simple, pero partindo dunha base. Un dos puntos desa base sólida na que formaba os seus equipos era "o grupo". Mesmo cando falaba con adestradores de categorías cativas lles insistía en que o primeiro que tiñan que facer era "formar grupo". Supoño, aínda que podo estar nun erro, que Fernando Vázquez escoitou algunha vez ao veterano técnico de Arteixo. Porque, alén doutras consideracións, para min o máis salientábel que fixo o de Castrofeito é que ten un grupo. No vou entrar nunha análise da súa sabedoría técnica. Quen son eu? Pero si que podo dicir que o que se ve é que o Deportivo é un. Son moitos xogadores no plantel, pero funcionan coma unha única peza. Onte Vázquez foi expulsado, pero cando rematou o partido foi cara o centro do campo, colleu a todos os seus xogadores, xuntounos e todos celebraron a vitoria. Hai equipo. Hai grupo. Hai moito por percorrer. Algúns, outros, xa comezan a tremer. Falando de grupos, so vou dicir de certo grupúsculo que sobra. No fútbol e en todas partes.