Nunca tal vivín en Riazor. Creo que ninguén. Lembro un 2-6 diante do Compostela hai uns vinte anos que serviu para que os santiagueses acadasen a permanencia. Un prezo moi caro pareceume nese momento. Este 2-8 de onte é distinto e pasará pronto. Non é tan inusual que o Madrid e o Barça gañen por unha diferenza tan salientábel. En cantos partidos durante a Liga meten cinco ou seis? Mellor nin contalos. Por iso creo que perder perante o Madrid é normal. Gañarlle é posible, pero sería sorprendente. Co que xa non concordo é coa forma en que se desenvolveu o equipo en xeral. Defensivamente hai moito que arar. Para que me entendan, moito que traballar. Mais ata que chegue o momento de que os xogadores se entendan, conséguese con moitos adestramentos, estes mesmos futbolistas teñen que ser máis contundentes sobre a herba. Seguro que o Madrid marcaba onte cinco goles se quixese, pero non oito e nunca do xeito que os acadou. Primeiro, aproveitándose dunha retagarda desconectada; segundo, aproveitando os agasallos continuos -perdas de balón- preto do área; terceiro, aproveitando a falla de competitividade dos futbolistas branquiazuis. Competir é a palabra. Onte esquecérono. Velaí os números: oito faltas cometidas durante todo o partido. Diante dun rival que che mete oito. Iso non é permisíbel. E non digo que haxa que dar patadas, nin facer o parvo, como Cristiano, falo de competir. De meter o pé con forza, de meter o corpo? Falo de xogar ao fútbol. Simplemente.