Falar nestes días de que o Deportivo sufriu un forte golpe coa doenza de Celso Borges soa mesmo un pouco frívolo. Que un equipo perda a un futbolista importante por un longo espazo de tempo dá para laiarse durante moitos días, por riba cando se trata dun clube cativo que arela a supervivencia, como é o coruñés. Supervivencia deportiva, por suposto. Celso Borges rachou un óso do pé esquerdo que o vai manter, segundo todas as previsións, varios meses de baixa e o seu equipo vaino facer de menos. Sen dúbida. Pero semella que nun día como hoxe, como onte, unha preocupación dabondo superficial. Non sei cantos pensarán coma min, pero dalgún xeito a miña cabeza está en París. No sufrimento da xente que viviu a traxedia do venres á noite. Pero nós temos que seguir a falar de fútbol. Será porque cada vez nos afacemos máis e xa case consideramos normal que morra tanta xente por mor de catro fanáticos no nome dunha relixión. Como aconteceu ao longo da historia. Todas as relixións fabrican asasinos. Todas. Haberá quen diga que o fútbol é outro tipo de relixión. Non digo que non. Devotos hai de abondo, e mesmo asasinos, como sufrimos por aquí. E por aquí, alén de estar amolados polo acontecido na Franza, tamén o estamos porque Riazor perde por moito tempo a un futbolista deses que parece que non está, pero que os rivais notan a súa presenza. Outro mancado nun partido coa súa selección. Quen paga agora o soldo do xogador? O Deportivo, que perde a un dos seus homes por mor de defender as cores do seus país? O fútbol, como calquera relixión, é unha mafia e os clubes, os seareiros, son os que pagan mentres outros viven e ben. Os dirixentes teñen a posibilidade de contratar un substituto -por aquilo de doenza de longa duración- se procede, pero o soldo desa nova incorporación tamén o terán que pagar eles, vostedes. Dous polo prezo dun, neste caso dous soldos para que xogue un. Está así feito e nada vai mudar. Sobre todo para equipos cativos.