Logo dun primeiro tempo para esquecer e no que o Mirandés deixou vivo o Deportivo, o equipo coruñés está máis preto dos cuartos xa que non precisa nin marcar dentro dunha semana. Paso adiante que compre dar porque a Copa este ano pode dar algunha sorpresa e ledicia e diso sabemos dabondo por aquí. Si, acredito na Copa. Agardo que o Depor tamén, aínda que onte na primeira parte semellaba que non. Na segunda cambiou o conto e puido pór a sentenza á eliminatoria. Está ben encamiñada. Do partido eu quedo con dous nomes: Jonathan e Oriol. Mesmo podería engadir a Jonás. Do uruguaio gustoume a súa proposta, ese encarar de seguido e buscar sempre a porta malia que poucas veces foi quen de saír con éxito nas súas intencións. Desbordou ben e moito, faltoulle máis remate. Do catalán saliento o de case sempre, que é unha referencia, que pilla todos os balóns, mesmo os que parecen melóns, e serve aos compañeiros. De costas á portería fai un labor salientábel. Outra cousa é o remate. Non o fixo moito, pero nas poucas veces que o tentou non o fixo mal, pero non é quen de marcar. Nin cando meteu o pé para desviar un disparo de Cardoso, foi ao longueiro. Xa sei que o seu traballo mídese polos goles, pero hai algo máis. Dis que nin Jonathan nin Riera se teñen que obsesionar, pero... Xa son demasiados partidos sen anotar. Con todo, onte parecéronme sobranceiros. E tamén Jonás desde un posición distinta, como se fose un antigo interior con moitas axudas aos centrocampistas e ademais con chegada. Os que non xogan na Liga teñen que aproveitar estes partidos para amosar e onte estes tres fixérono. Outros... A agardar por eles.