Onte estaba convencido de que o Deportivo ía gañar, supoño que como cada xornada. Mesmo cando faltaban quince minutos. Era cuestión de sensacións, malia que atrás o equipo estaba facendo moitas concesións. Está claro que fun excesivamente optimista. De feito son. E creo que disfruto moito máis de quen olla todo de cor negra cando a situación do equipo é boísima. Alguén chegou dicir que se o Dépor perde os tres próximos partidos a situación se pode complicar moito. Por suposto, e se gañas todos entras na UEFA! Eu cando vou ver un espectáculo vou en plan positivo, disposto a pasalo ben, non pensando que non me vai gustar ou que vou saír cabreado. Nen onte rematei cabreado, e iso que o equipo non estivo ben. Penso que hai que facer a análise con certa distancia e entender que o Espanyol non é inferior ao Deportivo. Ten xogadores de calidade semellante, mesmo cedidos polo Madrid, que tamén pretendeu o Deportivo, pero que non chegaron aquí dentro da línea que teñen desde Concha Espina coa praza de Pontevedra. E hai que decatarse de que o equipo coruñés está no mesmo nível de dez ou doce equipos da categoría. Doe perder, claro que doe, pero hai que buscar leituras positivas e non ser tremendistas. Supoño, tamén, que iso forma parte da xenética dos galegos. E si, tamén discrepo eu dos cambios que fixo Víctor. Non entendo que metese a Laure de lateral esquerdo na vez de Luisinho. Este é o asunto. Pero? Se ata o de agora o traballo de Víctor é moi bo -segue a ser para min- terei que preguntarme por que toma esa decisión e non a que eu pensaba? Tamén podería preguntar por que xoga con Riera sen ter xente en banda? Desde lonxe podería facer moitas preguntas, pero tamén estou certo de que cando un prepara un plan, seguro que ten en conta todos os detalles, case todos. Hai alguén que garanta que o seu plantexamento e os seus cambios permitirían outro resultado? Pódese aplicar a todos adestradores, pero uns traballan e transmiten máis que outros.