Un paseo cativo por algunhas zonas da cidade permite entender o sentir dunha parte do deportivismo despois da derrota perante o Granada. E tras escoitar moitas voces, algunhas anónimas, teño que dicir que a inquedanza se está a apropiar dos seareiros branquiazuis. Desde escoitar "estamos diante doutra eibarrada", en alusión ao que lle aconteceu no pasado curso o Eibar -fixera 27 puntos na primeira volta e so sumou oito na segunda-, ata un clásico: "O problema é que desbotamos a posibilidade de volver a Europa. Estaríamos a seis puntos!". Son dous extremos da situación na que se mergullou o Deportivo ao acumular xa dez partidos consecutivos sen gañar. Cando chegou o ecuador da temporada os coruñeses tiñan sumados 27 puntos (os mesmos que o Eibar o ano pasado a esas alturas), sete partidos despois sumou cinco máis con outros tantos empates. E xa levaba outros tres sen ser quen de vencer. Integrantes dunha peña da zona de Monte Alto laiábanse de non ter feito xa os deberes, e por iso "agora toca ir a pasantía", apuntaba un veterano socio deportivista. "Era un ano para pasalo moi tranquilo, pero vese que os deportivistas non merecemos iso", engadía un compañeiro. Malia o desgusto, sobre todo polo partido do sábado, a xente está convencida de que o equipo non vai correr perigo porque a marxe de puntos cos postos de descenso segue a ser importante. O que preocupa non é tanto meterse no pozo como a imaxe que está a dar o equipo albiazul nestes últimos partidos, especialmente perante o Espanyol e o Granada, porque nos anteriores a afección saíra leda de Riazor. Velaí os encontros diante do Villarreal e Valencia (derrota e empate) nos que os xogadores locais acreditaron ter merecido moito máis premio do que obtiveron. Neses encontros ninguén se queixou máis que da mala sorte ou dos árbitros. Pero o do sábado perante o Granada xa foi outra cousa. Xerou inquedanza polas sensacións coas que a xente marchou de Riazor. O Deportivo non ofreceu nada, nin individual nin colectivamente. Por suposto que a ningún destes xogadores se lle pode negar a loita e que rompa o peito en cada partido, pero iso non abonda porque é algo obrigado. Mesmo no eido persoal hai futbolistas que están lonxe do que foron e do que poden ser. Por exemplo, Lucas ata non hai moito era unha especie de rei Midas, convertía en ouro todo o que tocaba; agora, desperdicia oportunidades que adoitaba marcar cos ollos pechados. Amosouno diante do Granada na primeira parte. Iso tamén é parte do fútbol, xa que cando estás de si sae todo ben, fagas o que fagas, pero se acontece o revés xa podes bordar o teu traballo que nada loce. Ese é un atranco que tamén ten agora o Deportivo, alén das baixas, que neste equipo se notan moitísimo sobre todo nalgunhas demarcacións. E tamén se pode falar do sistema que emprega Víctor Sánchez, o chamado trivote -sigo sen saber que é iso-. Técnicos hai que saben e entenden de fútbol que o critican, como hai outros que o valoran. "Todo depende do que e pelota queira facer; se entra, todo está ben polo contrario? xa se sabe", explicou onte Kike Pampín, adestrador nacional e analista de LA OPINIÓN. Moi preto do estadio había xente que estivera o sábado vendo o partido e xa estaba máis queda, pero non xustificaba o espectáculo que deron os xogadores diante do Granada, equipo "ao que había que gañarse si ou si". Esta derrota xera inquedanza e, quizais, inseguridade. Oito ou nove puntos deben abondar para acadar o "obxectivo" ao que onte se referiu Álex Bergantiños, do que sempre falaron no vestiario, e non parece algo inacadábel nos doce partidos que faltan ata que remate a temporada. Non debería ser complicado. Acredito nesa posibilidade, pero tamén entendo a quen comeza a ser pór nervioso. Son moitos partidos sen gañar e varios sen ofrecer nada máis que loita.