Calificar o partido de onte de desastre creo que é ser moi xeneroso. En ningún momento se viu un equipo sobre San Mamés -falo do Deportivo, claro- porque xa desde o minuto 3 se comprobou que ía ceder moitas cousas a un adversario que ademais está en racha. A chegada de Aduriz só diante de Pletikosa, con paradón do croata, foi un claro manifesto de intencións dos deportivistas: falla de centro de campo, corredores libres para os homes de banda e de segunda liña do Athletic e facilidades para que os dianteiros rematasen. Non houbo oposición en ningún momento, nin colocación, nin seguridade, nin? nada. Dáme a impresión de que un conxunto benxamín ofrece máis cousas nun partido que as que propuxeron onte os deportivistas. E van xa tres xornadas consecutivas nas que os futbolistas coruñeses están dando unha imaxe penosa, aínda que a de onte foi moitísimo peor que horrorosa. A situación precisa dun cambio radical para volver a recuperar a credibilidade e o camiño dos resultados positivos. Sigo sen estar preocupado pola clasificación, porque o obxectivo acádase con tres vitorias e ademais hai moitos rivais aínda por baixo. O asunto non é ese, é que todas as virtudes que amosou o equipo albiazul durante a primeira parte do campionato esvaecéronse como a area dunha man. Agora o Deportivo está roto, non xoga a nada, e algo hai que facer, polo menos morder -en termos futbolísticos, que ninguén se confunda- porque como se adoita dicir cando non se pode gañar polo menos tentar empatar; e se non se pode empatar que menos que molestar. Onte, nin iso e a min paréceme moi grave.