Hai que castigar a Alejandro Arribas polo que lle dixo a Borbalán cando este o expulsou en Balaídos. Non teño dúbida ningunha, pois so a el se lle ocorre dicirlle a verdade ao xuíz -"Hoy nos has robado igual que el día del Villarreal", escribiu Borbalán na acta do partido-. Eu tiña ao central madrileño por un home lido e instruído, e debería saber que dicir a verdade está penado, sobre todo neste eido do fútbol. É a lei mordaza que impera neste deporte desde hai moitísimo tempo. Arribas, como outro xogador, ten que calar por moito que o árbitro erre ou o prexudique. Arribas está traballando e ten que aturar con todo, mesmo con decisións inxustas e arbitrarias como as de Borbalán. Lembrará o andaluz o puñado que levou en Riazor do porteiro de Villarreal? Seguro que si! pero iso non importa; o que importa é que o futbolista fale. Un erro propio da tensión do partido podería argumentar o clube para evitar unha sanción, pero de nada lle serviría; porén os árbitros teñen ese comodín que lle chaman erros de apreciación para xustificar todas as decisións. Borbalán tería que ser sancionado por malo, polos continuos erros que cometeu durante o encontro de Balaídos. E se non é malo, segundo algúns, a cousa é máis grave pois toma decisións que causan un grave dano sempre o mesmo equipo: o Deportivo. So hai que botar unha ollada os vídeos dos partidos para facer unha análise das súas actuacións. Non hai erros; non creo nas casualidades. Arribas e o Deportivo foron prexudicados xa dúas veces.