Penso que de aquí a que remate a temporada, que é cuestión de tres semanas, vai haber que analizar unha boa morea de cousas. Queda o partido perante o Getafe do vindeiro domingo no que o equipo ten que darlle xa unha ledicia á parroquia deportivista. Xa! Tamén falta o derradeiro encontro do curso diante do Madrid e gañar sería pechar o ano como non se pensaba, pero eu nin soño con poder facer algo nese partido, despois do que aconteceu contra o Barça, que meteu oito sen querer metelos, xa o considero moito máis que unha ilusión. O partido é o do domingo vindeiro. E despois falar, falar moito e atopar as causas polas que o Deportivo mudou tanto nas dúas partes da Liga. Pasou de ser o equipo sorpresa da competición, mesmo falábamos de Europa, a se converter nun xoguete nas mans dos adversarios. Un equipo sen credibilidade ao que ningún rival lle amosou o máis mínimo respecto. Normal, porque ese desprestixio gañouno o propio equipo cos partidos que leva feitos, agás algunha excepción, desde que comezou 2016. Levo tempo dicindo que non me preocupaba a clasificación, que a salvación estaba feita, pero nas últimas xornadas houbo resultados que me sorprenderon e fixeron que o conto mudase un pouco. Agora debe estar. Agora é tempo xa de falar, pero antes que alguén lembre todo o que lle deben á afección. Esa que hai xa moitos anos ía un paso por diante e que nesta temporada amosou que vai moitos metros por diante do que adoita amosar o equipo.