Stipe Pletikosa (Split, 1979), Pleti dende agora e para sempre para os deportivistas, marcha da Coruña despois de pouco máis de cinco meses, con dous partidos xogados e 180 minutos. Rexistros discretos, condenados a perderse no tempo como os doutros tantos na longa historia do club coruñés. Pero poucos con esas cifras poden presumir de que a bancada lle amosase o agarimo con que o despediu Riazor o sábado contra o Madrid logo do que foi o seu derradeiro encontro como profesional. Ovacionado polos seareiros branquiazuis pola súa actuación diante de Benzema, Cristiano Ronaldo e Bale, o croata recoñeceu que lembrará toda a súa vida o agarimo do estadio. "Foi un día grande para min. Hai momentos na vida que vas lembrar ata que morras. Obviamente, esta vai ser unha das cousas que levarei á tumba. Fai vinte anos ou dez días non podía imaxinalo mellor. Empecei a chorar, xa sei que non é moi masculino, cando escoitei: 'Pleti quédate'. Foi moi emocionante", recoñeceu.

Entre a afección existía a sospeita de que as cualidades do veterano gardameta eran maiores das que suxerían os minutos que lle concedeu o adestrador, Víctor Sánchez del Amo, desde a súa fichaxe no mes de xaneiro. De aí o abeiro con que o acolleu Riazor na clausura da tempada. "O máis positivo que me levo foi o partido do sábado, as emocións que tiven nese encontro. Sentín no corazón, na alma, que os afeccionados me fixeron sentir grande aínda que non participei moito", engadiu.

A súa escasa presencia nas alineacións malia as lesións de Fabricio e Germán Lux é a pena que garda o porteiro. En declaracións á prensa do seu país deslizou que quizais as diferencias entre a dirección deportiva e o adestrador non lle axudaron. O croata foi a única incorporación do mercado de inverno despois de confirmarse que Fabricio se perdería a tempada e non chegou co beneplácito do técnico, que prefería reforzar outras posicións. "Para un xornalista croata era difícil comprender que un terceiro porteiro xogara antes ca min. Preguntáronme pola razón pola que non xogaba e os xornalistas croatas tamén len a prensa española", dixo.

Pletikosa non quixo deterse máis na cuestión pola que tivo tan poucos minutos, aínda que si recoñeceu que a súa idea era xogar máis e que falou con Víctor Sánchez sobre a cuestión. "Honestamente, pensaba que ía xogar máis, pero a razón principal é a familia", aclarou sobre as razóns da súa retirada do fútbol profesional. Non quixo desvelar a conversación co adestrador e deixou un consello no medio da tempestade que atravesa o club. "Mentiría se dixera que foi sinxelo con ese ambiente, pero o que non me gusta é que hai cousas que deben quedar dentro da familia e resolverse na familia. Debería falarse dentro e non fóra", suxeriu Pletikosa. "O Deportivo no é o Madrid nin o Barcelona, pero é un gran club e todos temos que comportarnos como un equipo grande", engadiu o croata.

Foi nese ambiente negativo no vestiario onde o gardameta botou en falta máis contundencia por parte do técnico, do que só o separan tres anos de diferenza. "Víctor debe liderar o equipo con máis autoridade, con moita máis forza, non solo el, calquera adestrador, incluso eu fareino se chego a ser adestrador. Iso é importante porque, se perdes esa autoridade, quedas sen opcións", recomendou.