Pois outro sábado máis que imos despertar líderes por este curruncho. Cousa boa nunha semana complicada e de moito movemento, e máis que ten pinta de haber aínda de aquí ata o mércores. Haberá que traer a alguén! Digo eu. A marcha de Lucas serviu para que onte Andone amosase unas cantas cousas que motivaron a súa fichaxe. Saber xogar só, saber pelexar só e tentar o remate á mínima oportunidade. Non foi un partido para o lucimento, malia que supoño que o romeno saberá que terá moitos máis así por diante. Éche o que toca cando xogas nun equipo que ten o obxectivo da permanencia. Saberao de sobra despois do seu paso polo Córdoba. Foi para min o futbolista sobranceiro deste encontro, o que máis cousas ofreceu que eu non coñecía, e gustáronme. Só que tanto correr causa que non podas rematar o partido. E menos mal que houbo empate sen goles, porque a segunda metade é para estudar. Non é que o Betis tivese grandes ocasións de gol, é só que o Deportivo tivo media naquel testarazo de Borja Valle cando o xogo xa morría. Pouco en ataque. Semella que hai para dar máis. Si, sen Lucas. Haberá que esquecerse do de Monelos. Acó xa cumpriu, participou directamente na permanencia do equipo nas dúas temporadas pasadas; e deixa 14 millóns no clube despois de que costase 1,5 millóns. E el mellorando moitísimo, no deportivo e no económico. Nada que reprochar. Só desexo que o que chegue aporte o mesmo. Abondaría. Mariano? O Madrid pediu en xullo 2,5 millóns pola cesión. É un dato.