Cando saes a un campo de fútbol e de fronte tes a un rival que sabes que é moi superior so pensas en aturar o chaparrón da mellor forma posíbel. Estás certo de que che van caer por todas partes, pero hai una cousa que tes que facer, so unha, pelexar. Se tes enfronte a tipos como Busquets, Luis Suárez, Neymar e despois tamén a Messi dubidas moito de poder acadar o triunfo. Calquera cousa que fagan vaiche deixar practicamente KO, certo; o que non podes é deixarlles o camiño libre e aplaudir as súas virtudes. Iso, cando remate o encontro. Falaba Garitano o venres de que o Deportivo no Camp Nou precisaba de tres cousas para ter éxito pero que so unha dependía do seu equipo: facer as cousas ben. Entendo que quería dicir que tiñan que competir -esta palabra xa abrangue todo-, porén onte non o fixeron. É normal perder no Camp Nou porque hai unha grande diferenza entre ambos os dous equipos, mais como noutras tantas veces hai xeitos de perder. Non sei quen o dicía, e é una frase que me gusta moito: "Cando non podes gañar, tenta empatar e se non podes empatar, polo menos molesta". Onte, nin iso. O enfado débese a isto, non á derrota. Xa sei tamén que hai outros factores que inflúen, que si compites corres o risco de que che aconteza o que lle aconteceu a Laure, pero eu prefiro estar fóra de xeito inxusto a ser un simple espectador. Digo inxusto porque tomo como referencia a acción de Suárez a Arribas. É algo co que hai que vivir cando xogas contra os grandes. Tamén iso. Insisto, a derrota non doe, doe a forma na que se produce.