Lin onte una frase de Marcelo Bielsa que é una verdade absoluta, se é que hai algunha. "O fútbol é a xente e sen seareiros non é nada", dicía o técnico arxentino. Iso do que non se decatan os que dirixen este negocio ou se decatan de máis e por iso fan moreas e moreas de cartos a costa deses afeccionados que, como os do Deportivo, permanecen fieis e inamovíbeis. Eses os que lles poñen todos os atrancos posíbeis para que non poidan ir os estadios, eses que percorren os quilómetros que sexan precisos para deixar a gorxa, a saúde e os cartos as veces en troques de nada máis que o orgullo de estar preto das súas cores. Eses seareiros que, como os deportivistas son quen de aturar o frío en Riazor, mesmo a chuvia, segundo a bancada que ocupe. Eses seareiros que algún están a chamar parvos porque cando chove en A Coruña -algo raro polo visto- non poden estar na cadeira que pagan por adiantado para ollar os partidos do seu equipo. É críbel que en 2017 se suspenda un partido en Riazor por mor do temporal? Si. É posible que responsábeis políticos que non arranxaron o problema se gaben ou retraten perante o estadio porque foi suspendido nun partido? Si. É posible que una loita egoísta e partidista deixe sen solución aos cidadáns? Si. E so falo de fútbol e do deportivo. Gañan cartos a moreas desde hai anos, tiveron tempo de arranxar o das cubertas non sei cantos gobernos do Concello, gobernos de todas as cores, e agora seica so é responsabilidade duns recén chegados? Para min teñen tamén a súa parte de responsabilidade, pero non esquezamos parte da historia, resulta axeitado para non cometer os mesmos erros, e esa historia di que Lendoiro xa pediu solución hai anos, moitos anos. Lémbroo porque foi el mesmo quen o dixo onte. É como aquel conto que falaba de que ía vir o lobo, pois desta chegou e quen berraba sabía o que facía. E insisto en que xa hai uns anos, non veñan agora os que nada fixeron, ou fixeron o que máis lles conviña, a falar de responsabilidades. Habería que ir ata o comezo do século XXI para atopar a eses que sempre se agocharon. Algúns deses agora amosan a cabeza. Sorte que non aconteceu nada, porque eles tamén serían culpábeis. "O fútbol é a xente e sen seareiros non é nada", e nada vai mudar porque ese sentimento é perenne, perpetuo. Por sorte para quen abusa. Oxalá todo se manteña. Mellor case todo, porque hai cousas que deberían mudar e so se poden mudar dun xeito para rematar cos abusos.