E sta derrota vai costar moi cara, non polo feito de perder, que este equipo e estes seareiros xa están afeitos (esa é a auténtica realidade) nos últimos anos, é pola forma. Porque se pode perder, pero nunca rendéndose como fixeron onte os futbolistas. Houbo moitos partidos nos que podía haber algunha xustificación, que se o penalti en Riazor perante o Alavés, que se o atraco do Bernabeu, o de Los Cármenes ou o de Riazor diante do Sevilla, ou o infortunio de encaixar nos últimos minutos? coartadas que non serven para onte. Este equipo está desfeito e non semella ter solución ou quen a ten que aportar non a atopa. Xa dicía hai uns días que a estas alturas do conto me parecía preciso o troco de adestrador e mesmo dixen que me parecía inxusto, e despois do de hoxe xa non atopo ningunha outra posibilidade. Este equipo precisa de estímulos, xa non é tanto cuestión futbolística, que tamén, agora é un asunto anímico e o adestrador está como os xogadores. Conclusión: un Deportivo escachado. Díxeno no seu momento e mantéñoo, cando o clube decidiu apostar por Garitano pareceume un acerto pola sona que traía, alén dos resultados, valoro o xeito de traballar dentro dos meus coñecementos. Pero... agora creo que é preciso un troco. Non ser teimudo. Xa sei que non se pode fichar a bielsas, nin sampaolis, porque hai que reservar moitos cartos para pagar outras cousas en vez de fichar. Tamén sei que sen certos erros habería oito ou dez puntos máis e Garitano sería intocable, como pasou en decembro, pero os resultados son os que falan.