En tan so catro días o Deportivo pode deixar asinada a temporada se é quen de gañar a dous adversarios directos na táboa: Valencia e Granada. O primeiro partido será en Mestalla o vindeiro domingo e o segundo, en Riazor tres días máis tarde. Si, un mércores. Son enfrontamentos, como os de Gijón e Leganés, nos que sumar é unha obriga polo significado que teñen os puntos. Supón encher o peto propio e impedir que o fagan dous rivais que están aí, contigo. Son encontros que chegan moi xuntos -son as cousas dos calendarios desta Liga-, pero tamén despois de dúas semanas sen competición que tiveron que dar dabondo para practicar esas cousiñas que abofé quere ensinar Pepe Mel. O pau do Celta xa pasou, malia que non, derrotas así tardan en curar, pero hai que pensar que a efectos de clasificación tampouco tiña excesivo valor. Claro que doe; pero os puntos que hai que gañar polo civil ou polo criminal son estes que veñen xa. Despois aínda quedará tamén o choque diante do Málaga (tamén en Riazor) e a visita a Pamplona, pero daquela agardo que eses xogos non teñan a trascendencia que teñen estes dous. Alguén dirá que o de Mestalla non vale tanto como o do Granada, pero eu creo que si porque mantés os valencianistas aí abaixo, mesmo por baixo de ti se gañas, e o deixas esixido para o que falta de campionato. Hai cousas que non deberían ser lembradas, mais visto o visto vai ser mellor pasarse que quedar corto. Isto e moi serio, moito. Cuestión de supervivencia. E máis despois da sentenza do tribunal Supremo sobre o litixio con Facenda. Para pagar hai que ingresar e onde hai cartos é en Primeira División, na Segunda so xa moitísimos menos. Non hai tanto de que o Deportivo pasou por aí abaixo, e dúas veces, compre non esquecelo porque tampouco hai tanto tempo. Certo que nesas dúas temporadas o conto rematou moi ben porque ascendeu á primeira. Abonda con ollar que equipos están agora no fondo da táboa da categoría de prata. Quizais non lle deamos moita importancia, pero sería interesante ollar que nomes hai por aí en zona de perigo. Perigo que pode supor mesmo a morte deportiva.