Hoxe o Deportivo vai ter que pelexar contra un tipo que é valenciano e valencianista, pero que na súa época como deportivista o foi máis que ninguén, porque niso consiste ser profesional: Voro érao na Coruña e, supoño, éo no Valencia. Botou aquí tres temporadas nas que acadou unha Copa (perante o Valencia) e unha Supercopa. Tres cursos enormes que o converteron en internacional. A fichaxe de Voro coñeceuse en marzo de 1993, cando o Deportivo estaba en Río de Janeiro participando nun amigábel co gallo da homenaxe a Roberto Dinamite, exdianteiro do Vasco de Gama, Barcelona e selección brasileira. Aquel partido xogárase en Maracaná (mércores, 24 de marzo), coa presenza de centenares de seareiros albiazuis que se desprazaran desde A Coruña neste fito histórico. Gañara o equipo de Arsenio cando ninguén o contaba. O día seguinte había feira para todos, xogadores, afeccionados -para estes sempre, por iso fixeron tantos quilómetros- e mesmo para nós, os xornalistas. Eu, e vou fachendear por unha vez, estaba nunha praia cunha chea de xente de acó (estabamos un pouquiño lonxe de Río) e comecei a falar cun coñecido que tiña amigos en Valencia: "Mallo, Voro acaba de fichar polo Deportivo". Esas foron ás súas palabras. Desde aló pouca marxe tiña para confirmar, pero avisei os meus compañeiros para que desen a nova. Si, desde unha praia.