Hoxe toca tirar de épica e agasallar os seareiros co que merecen: unha vitoria. E de non acadala, polo menos darlles o que agardan dos futbolistas, que é profesionalidade. Gañar vai ser cuestión de épica porque os partidos diante deste equipo, o branco, obrigan a moito máis que outros. Obrigan, por exemplo, a marcar tres goles mínimo porque haberá piscinazos ou fóras de xogo que para case todos os conxuntos de calquera categoría supoñerían unha infracción, pero para este non. Coidado que ando moi lonxe da guerra dos dous grandes, dos máis favorecidos polos erros; falo do que lle acontece aos cativos como o Deportivo. Xa se ollou o que aconteceu na primeira volta no Bernabéu, cando gañaban os coruñeses empezaron a pasar cousas que non son normais noutros encontros, pero si habituais nese campo. Tamén en Riazor houbo que remar contra da corrente ou xogar mesmo contra o vento -non soa mal isto- porque os axentes externos estaban a facer das súas. Así que hoxe, épica.