Pepe Mel está convencido de que continuará á fronte do Deportivo na vindeira temporada tal como está "estipulado no contrato" que asinou cando chegou ao banquillo de Riazor para substituír a Gaizka Garitano. O técnico madrileño ten previsto sentarse cos dirixentes e coa dirección deportiva para falar de cousas "importantes" e tratar de rematar cunha "agonía" que dura tres anos "consecutivos". Entre esas cousas "importantes" está a marcha de Germán Lux, que remata contrato, e o regreso de Pablo Insua, despois de dous anos a préstamo no Leganés.

O adestrador está a agardar que se peche o campionato de Liga para manter as xuntanzas precisas para confeccionar un equipo que sexa diferente "sobre todo na fiabilidade", segundo dixo o luns á noite en Onda Cero. Malia que o primeiro é que manteña o respaldo que precisa do consello de administración, que tamén agarda a que remate a competición para tomar as decisións definitivas. A primeira será sobre a propria continuidade do adestrador.

A partir de aí comezará a formar o plantel, xa que a sufrirá unha pequena transformación, sobre todo polas baixas seguras, que son as de varios dos cedidos e a de Germán Lux, xa que o porteiro e un dos capitáns remata o seu contrato coa entidade branquiazul. Ademais, están pendentes doutras posíbeis baixas, que serían as que se producirían como consecuencia do pagamento da cláusula de indemnización ou dun traspaso directo. O que máis mercado semella ter é Juanfran, que podería saír co pagamento de oito millóns.

Alén das baixas, máis ou menos coñecidas, o clube xa ten unha idea que que tipo de futbolista quere. É posíbel que mude un pouco o concepto e se tire un chisco máis cara a algún xogador con personalidade e mando no centro do campo -unha idea que xa había o ano pasado-, que ademais amose carácter, que é o que semella que lle falta a este equipo. Mel adiantou o luns que ten claro que postos precisa cubrir o Deportivo 2017-18. "Non teño os nomes, pero sei o que precisamos", asegurou. Entre as incorporacións salienta a de Pablo Insua, que rematará dous anos de cesión no Leganés. Tamén a fichaxe de Guilherme, co que semella que xa hai acordo para que fique catro temporadas máis, segundo adiantou onte o diario As.

Pepe Mel ten presa para comezar a composición do equipo, a súa intención é apurar no mercado por mor dos poucos cartos que ten o club para fichar. "Cando hai pouca pólvora o tiro hai que acertalo", afirmou. O madrileño pretende decidir nos nomes, tamén. "O único que pido é o normal que veña o que máis me gusta de está dentro da economía do clube", sinalou. Pero vai ser o presidente, Tino Fernández, o que teña a última palabra tras as propostas que lle presente Richard Barral, o director deportivo. A idea é mudar un pouco o estilo dos novos xogadores, xa entenden que hai moito futbolista de calidade e pouco con a agresividade que se precisa tamén na alta competición.

Entre as aspiración de Mel estaría á volta de Lucas Pérez, o dianteiro coruñés traspasado no verán pasado ao Arsenal. Fonte achegadas ao adestrador madrileño din que devece polo atacante de Monelos, pero sabe dos atrancos de que poda volver este ano. Wenger, adestrador do Arsenal dixo hai pouco que quere ter ao dianteiro preto del outra temporada máis. Por outra banda o futbolista, que marchou con ilusión cara un dos grandes de Europa, dixo na súa derradeira rolda de prensa como branquiazul que a súa marcha non era unha despedida. Que retorne é un soño, do adestrador e dos dirixentes.