A pé de rúa

Como cambiou o conto!

05.06.2017 | 00:45
Como cambiou o conto!

Hai pouco máis de catro anos o Deportivo descendía por segunda temporada consecutiva a Segunda División. Caera á categoría de prata en 2011 despois de vinte anos cos grandes; ascendeu á primeira; pero en 2013 volveu perder unha praza entre a elite; outra volta ascendeu á primeira. Naquel 2013 baixaran co cadro coruñés o Zaragoza e o Mallorca e onte, catro anos e tres días despois, os baleares afundíronse no pozo da Segunda División B -tamén o Elche- ao mesmo tempo que os aragoneses asinaron un empate salvador en Girona porque a piques estiveron de ir da man dos bermellóns. Por certo, o empate sen goles en Montilivi salvou ao Zaragoza e deulle o ascenso ao Girona. Catro anos e tres días despois daquel 1 de xuño de 2013, cando a Real Sociedad gañou en Riazor (0-1) e acadou o billete para a Liga de Campións, o Deportivo é equipo de Primeira División. Por suposto que con moitos atrancos; por suposto que grazas a empates en Barcelona e Vila-real, mesmo un triunfo na vila de Castellón; pero está en Primeira. Outros, que deixaran a elite con branquiazuis, están en Segunda B, que suporía a morte certa para clubes que, como o coruñés, teñen moito que pagar. Penso que compre non perder a perspectiva e non esquecer a realidade, máis neste tempo no que hai datas para festexar, pero tamén para chorar; algo que semella que vai no ADN do deportivista. Cantos darían todo para estar no lugar do Deportivo, o Mallorca entre eles. Un equipo dunha cidade de máis de 400.000 habitantes, dunha cidade que move moreas de cartos, si, pero está en Segunda B. Aquí, malia o que que hai que pagar cada ano pola débeda, o Deportivo está na élite. Non vai xogar a Liga Europa, nin vai loitar por unha Copa, pero continúa na elite. O rico non é o que ten moito; rico é quen sabe o que ten e é feliz con iso. Cando tes pouco e por riba debes moito... Devezo por coñecer o límite salarial do Levante e do Girona; si, eses dous que veñen de Segunda.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine