Máis do mesmo en Eibar, ou sexa rien de rien. Hai certos matices se botamos a ollada cara atrás, un é que o Deportivo rematou sen encaixar ningún gol e que diante houbo oportunidades para ter gañado o partido. Pero creo que foi pola calidade individual de certos futbolistas máis que polo traballo do equipo. Porén, esa calidade non serve en moitos casos como aconteceu onte. Explícome, Cartabia tería feito un partido enorme se tivese acertado alguna vez -unha ou dúas- no pase definitivo. Mira que fixo cousas ben! Malia ese pase último que nunca lle chegou. Era un partido para ter dado un bo golpe e deixar ao Eibar a catro puntos e case acabas perdendo; o de sempre neste equipo. Penosa segunda parte cun bo traballo defensivo perante un adversario moi feble e sen recursos. Nada máis. Quizais a defensa estivo máis concentrada porque foi a estrea de Francis e a confianza non era a máis axeitada. So digo quizáis. E do rapaz, pouco hai que dicir porque os seus compañeiros limpáronlle moito traballo, se acaso que os pouco balóns que lle chegaron soubo chapalos con seguridade; nin un rexeite. Supoño que desde agora será o titular, e non polo encontro de onte; debe selo porque se apostas por un gardameta novo o menos que se pode facer é darlle continuidade, polo menos seis ou sete partidos. Pase o que pase. Non hai que esquecer que foi a lesión de Rubén o que complicou as cousas, porque a idea era moi clara: dous porteiros no primeiro equipo e o terceiro sería o do filial. Así quedou escrito no seu momento.