Aderrota do Deportivo é inxusta, iso véxoo claro o problema que teño é que non sei se mereceu gañar. Por xogo, desde logo que non; por intención, penso que tampouco; por ocasión, tampouco o sei; quizais por insistencia e aproximacións teña que dicir que si, malia que Bono non precisou amosar as súas virtudes onte en Riazor. E cando o porteiro adversario non ten moito traballo é mal sinal. Mesmo tivo que traballar máis Francis nos últimos minutos que o porteiro do Girona! O que fixeron os cataláns si que é pór a proba ao gardameta. Xa sei que só foi cando o Deportivo estaba alporizado e tirando de non se sabe que para acadar o empate; tentaba facer, mal, o que non soubo facer nos noventa minutos anteriores. Nada mudou neste Deportivo. Só que a sensación que ofrece é cada día peor e cada partido perde a pouca confianza que podan ter aqueles que cada semana están pendentes dos encontros. Pódese dicir que Gil Manzano estragou en parte o xogo co penalti de Albentosa -antes deixara de pitar un sobre Lucas que xa postos tamén era-; pero botou unha man con penalti a Lucas. E había tempo, o que non había era ideas, nin mesmo un patrón de xogo. É aí está o problema, para min, este equipo, que non ten ningún sinal de identidade que o identifique. A que xoga? Como xoga? Ao ataque semella que non por moitos futbolistas ofensivos que estean no campo; e defensivamente segue a facer algún agasallo de cando en vez. Se un non sabe quen é... mal está a cousa. Ou peor.