Ode onte é deses partidos nos que hai que calar, parabenizar ao adversario e marchar. Eu non sirvo para máis. Son deses que co Celta non quero perder nin nos amigabeis de verán, pero tento manter a... o non sei que para non largar todo o que penso. Parabéns aos celestes. Punto. E aos nosos? Neste caso xúrdeme outra pregunta: viven na Coruña e teñen amigos coruñeses? Se cadra andan nunha burbulla e aillados do que significa este encontro. Pode que sexa raro, que o son, pero a min no me daría o corpo andar durante uns días pola cidade despois do de onte. E vai por diante que sempre dixen que a un futbolista non lle pido que bique o escudo, nin que o sinta como un de nós porque o sentimento non se impón, pero esixo profesionalidade e orgullo. Iso ponse no campo. '¡Oh, mi capitán!', bla, bla, bla. Que lindas soan certas palabras... Serían marabillosas acompañadas de feitos. Se eu fose futbolista non sabería que lle diría ao meu viciño, a ese co que tomo o café ou a garimba. Que podería dicir? Preferiría ficar na casa porque non podería dicir absolutamente nada. Chegan as vacacións e moitos marchan cara os seus lares. Normal. Sentimento... Ese mesmo que ten o deportivismo, o de verdade. Ou polo menos o meu, que xa non sei se concordo con alguén. Perder co Celta é moi forte, explicáballo onte a alguén que non sabe de fútbol e entendeume; pero perder con este Celta... non ten nome. Non discuto a súa vitoria, que é indubidabel, pero este Celta está moi lonxe do do ano pasado, por exemplo, este é Iago Aspas e pouco máis.