O sábado 9 de decembro produciuse a última vitoria do Deportivo, perante o Leganés (1-0) e ese día foi a última vez na que o equipo coruñés deixou a súa portería sen bater. Desde ese encontro recibiu goles en todos os demais, e foron 26 tantos en nove xogos disputados. Moitísimos, iso que nos dous anteriores o equipo coruñés só perdeu por un solitario gol diante do Betis e do Alavés. Onte por fin o equipo acadou o obxectivo marcado por Seedorf e rematou co seu marco a cero. O problema é que os deportivistas non marcaron, como no fixeran nos dous xogos anteriores co novo adestrador, tres consecutivos co de Anoeta perante a Real Sociedad. Sen remate non hai goles, dicía non hai moito, pero con remate tampouco polo ollado onte. É salientábel o traballo defensivo do Deportivo tal como amosan os datos, que din que o Espanyol só tirou una vez a portería; non tanto o resultado dos dianteiros. Certo que non se lles pode negar o traballo defensivo que fan, pero tamén están para marcar e non o fan. Onte nin de penalti. Pero xa non é só errar desde os once metros, é errar un cabezazo que ten que ir para dentro si ou si. Seica hai algunha diferenza entre o erro de Andone mandando o balón ao largueiro no que tiña que ser gol e o de Rubén perante o Valencia cando se lle foi a pelota? Para min non. Adoitase dicir que o do atacante é mala sorte, e eu digo: xa! Cada quen ten o seu traballo e sei dabondo que un loce máis e o outro recebe moito máis castigo. Mala sorte? É posíbel, pero onte non foi só iso.