O ministro de Justicia, Francisco Caamaño, afirmou que estaría disposto a contestar en galego, se un parlamentario lle formula unha pregunta nesta lingua na Cámara Alta. Ademais, confesou que lamenta "moito" non saber falar catalán nin vasco para poder dirixirse no Senado aos cidadáns que empregan estas linguas cooficiais.

"Se alguén me pregunta en galego, contestarei en galego; se alguén me pregunta en castelán, contestarei en castelán, e lamento moito como español non saber catalán ou euskera para poder dirixirme a eses españois nas linguas que teñen nas súas propias comunidades", afirmou durante un almorzo informativo organizado pola Fundación Democracia e Goberno Local en Madrid, no que interveu o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda.

O ministro de Justicia mostrou a súa "satisfacción" porque na Cámara de representación territorial "todas as linguas de España estean presentes" e afondou no "prezo" e o "valor" que posúe o "patrimonio cultural dos españois".

O Senado estreou este martes o primeiro Pleno do ano co uso de todas as linguas cooficiais do Estado. Estas poderanse empregar só durante o debate de mocións e mocións consecuencia de interpretación e nunca no control ao Goberno nin no debate de iniciativas lexislativas.

Neste sentido, Caamaño recordou que agora "só se engadiu un novo trámite" á regulación iniciada en 1995 cando se permitiu o uso de todas as linguas na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas. "Cumprirei co que está previsto no regulamento da Cámara", concluíu.