-Para recetar unha menciña, antes hai que diagnosticar a doenza. Que diagnose fai do mal que levou ao BNG ao batacazo do 20-D e a convocar a asemblea para fixar un novo rumbo?

-Decidimos de maneira colectiva facer unha análise conxunta, a fondo e demorada. Temos que actualizar o discurso e as mensaxes. O obxectivo fundamental desta asemblea é abrir unha nova etapa no BNG coñecendo os cambios sociais máis importantes dos últimos tempos, conseguindo que a xente vexa o nacionalismo como un instrumento útil. Nunha situación complicada e complexa precisamos ter tempo suficiente para falar con toda a base social e chegar a outros ámbitos para rematar nun proceso de refundación do BNG.

-Fala de actualizar discurso e mensaxes. Tamén falta sintonía coa cidadanía e houbo problemas de liderazgo?

- O portavoz nacional fixo un traballo magnífico. Non é unha cuestión de liderazgo. É unha cuestión colectiva, de chegar a grandes acordos sobre o futuro do BNG. Hai que reforzar a idea de que é importante a presenza do nacionalismo. Historicamente a xente percibíao, pero agora non tanto.

-Cara onde debe ir o Bloque para a conectar coa cidadanía?

-Non temos que volver atrás e ser o que fomos nun momento histórico, senón saber que nacionalismo necesita esta sociedade do século XXI. Temos que ofrecer un nacionalismo moderno e innovador, que defende o dereito dos pobos e os dereitos das persoas Para eso, temos que chegar a todas esas persoas que se senten nacionalistas, galeguistas, soberanistas e que senten Galiza. Falarlles do ti a ti.

-Esqueceuse o Bloque de falar do ti a ti

-Está claro que houbo un problema na comunicación das mensaxes. Temos que conseguir chegar á mocidade e que haxa unha alternativa nacionalista neste país. Sería dramático que non existira unha alternativa nacionalista. É un dereito e unha necesidade para a nosa poboación, para ter posibilidades de decicir e vivir mellor nos distintos ámbitos, que os intereses dos galegos estean defendidos como sempre estiveron cando o nacionalismo tivo forza e presenza importante.

-Dos 50 membros do Consello Nacional repiten 30. Pódese renovar o discurso coa mesma xente?

-Fixemos un equipo no que mesturamos coñecemento, capacidade política, dispoñibilidade temporal e renovación. Se se colle ás persoas sobre as que vai caer o maior peso, na proposta de 15 hai dez novas, polo tanto a renovación é de dous terzos. Sería bo que se incorporasen persoas para afondar na liña política que debe levar a organización nos próximos tempos.

-Nalgúns partidos parece que non hai banquillo

-Nestes momentos non estamos a falar de banquillo nin candidaturas ás eleccións galegas. Funcionamos en colectivo e as decisión individuais tomaranse cando chegue o seu tempo. Posibilidade e personas capaces dentro do BNG? Moitas.

-Botando a vista atrás, arrepíntese o BNG de non concurrir con En Marea nas xerais?

-Tentamos facer unha candidadura en chave galega pero non se puido conseguir porque houbo outras forzas que non quixeron ese compromiso. Moitas veces a política non se move cun xa foi, senón mirando cara o futuro.

-Que impide ao BNG chegar ao entendemento cas mareas?

-Non existe ningún problema. Somos capaces de chegar a acordos, mesmo cogobernando con outras forzas. O BNG parte da idea da autoorganización, da necesidade de que existan forzas propias e que haxa alternativas que se xeren dentro do propio país. Eso non implica que non exista colaboración e posibilidades mesmo de coalicións electorais e traballar na mesma dinámica.

-Chegado o momento, que debería primar: o debate sobre a soberanía nacional ou as reivindicacións sociais?

-Para nós, o debate sobre a soberanía e as necesidades sociais é o mesmo. Precisamos ter soberanía para poder decidir e para garantir dereitos, que non son só os dereitos colectivos senón tamén os dereitos a unha vida mellor. E, iso tomando as nosas propias decisións. O social e o nacional está ligado. Con esa reivindicación da capacidade de decidir podemos conseguir vivir mellor, que se mire máis desde dentro o que necesitamos.

-A día do hoxe, que fórmula cobra máis forza para concurrir as próximas autonómicas.

-Temos unha asemblea nacional que vai tomar decisións sobre cuestións de liña política, o futuro do BNG e a fórmula concorrencia electoral. Imos agardar. O conxunto da militancia será o o que decida o camiño a comezar.

-Hai tempo suficiente ata as autonómicas para trasnmitir á cidadanía esa mensaxe de renovación ou córrese o risco de que os resultados do 20-D se repitan?

-Os tempos en política son vertixinosos. Pero desde as eleccións xerais o Bloque xa deu moitos pasos e comeuzou a traballar por un novo proxecto.

-Que obxectivos se marcan para as próximas autonómicas?

-Os tempos en política son importantes. Estamos centrados nesta asamblea naciona. Este é o primeiro paso. O segundo corresponderá á nova dirección, que formulará obxectivos de cara as próximas eleccións. Non imos adiantarnos.

-Pero algún mínimo de deputados se marcarán?

-Non existe neste momento, máis que a necesidade de transmitir a importancia da presenza nacionalista, a importancia que tivo no Parlamento e en todas as institucións unido ao inmenso traballo social. Mais non hai uns obxectivos concretos cuantificados nestes momentos.