"O económico, por relevancia social, constitúe un sector de vital importancia para a promoción do uso da lingua galega e é por iso polo que desde o Goberno galego instamos a unha aposta conxunta e decidida pola implantación do idioma na economía, como valor económico, como sinal identitario e como patrimonio de todos os galegos e galegas".

Con estas mensaxes abriu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o pasado mércores en Carballo o relatorio no que presentou o Plan de Dinamización no tecido económico 2015-2020 no marco do XII Curso de verán sobre dinamización lingüística. Traballando en lingua, promovido pola Universidade da Coruña e polo departamento que el mesmo dirixe. Durante dous días analizouse a situación do idioma no sector socioeconómico, os motivos desa situación e mais os factores condicionantes que a provocan e que poden ser tamén claves para mellorala.

"Debemos concienciar as empresas de que o uso da lingua galega é rendible en termos económicos, xera empatía cos consumidores e favorece a cordialidade e o afianzamento nas relacións comerciais e empresariais", salientou Valentín García.

135 axentes implicados

"Trátase do primeiro plan deseñado para desenvolver as directrices establecidas polo Plan xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) e avanzar así na promoción do uso do idioma propio de Galicia desde o sector económico", recordou o titular de Política Lingüística, ao tempo que destacou que o documento "acordado e completado coas achegas de 135 axentes implicados no sector económico, por medio de numerosas conversas, encontros e reunións de traballo promovidas nos últimos meses, busca reforzar e consolidar o galego como valor engadido do ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras".

Valentín García explicou polo miúdo o contido do novo plan, que aprobará o Consello da Xunta -órgano encargado de sancionalo- este mesmo mes, "e que articula un total de 84 medidas que incidirán no incremento do uso do galego e na súa visibilidade desde as 10 áreas que contempla o sector de aquí ao ano 2020"; "un cronograma de desenvolvemento e un amplo abano de medidas e accións que debemos considerar realistas e asumibles polos actores implicados desde o punto de vista da súa posta en marcha", puntualizou.

Crear conciencia de que o uso do galego favorece os resultados e obxectivos empresariais, estender o uso da lingua galega no ámbito económico, fomentar nos clientes e consumidores o hábito de usaren e reclamaren atención comercial en galego e estimular a creación e mantemento dunha demanda real e efectiva de produtos en galego son algúns dos principais obxectivos que recolle o proxecto.

O documento articúlase en 84 medidas -tanto específicas dun campo económico en particular como de carácter transversal- coas que incidir na promoción social da lingua desde a economía por medio das 10 áreas nas que se estrutura esta: hostalería, comercio, alimentación, TIC, construción e inmobles, banca, asesoramento e intermediación, axencias de publicidade, área de traballo e cooperativismo.

O desenvolvemento do Plan de Dinamización da Lingua Galega será paulatino e levarase a cabo en cinco anos, cun orzamento global de máis de 5.000.000 euros.